A venezolana Susana Suniaga, afincada en Pontevedra dende hai anos, gañadora do III Premio Internacional de Ilustración convocado por GÁLIX e o Salón

18
  • O traballo –escollido entre 126 propostas de 15 países– será a imaxe do cartaz da XXI edición do Salón, que se celebrará do 6 o 27 de Marzo de 2020 baixo o lema “O humor”.
  • O xurado destacou da ilustración gañadora  a forte personalidade e a calidade estética
  • O Concello de Pontevedra editará un almanaque coa imaxe gañadora e as 12 finalistas.

Un ano máis O Salón optou pola vía do concurso para escoller a que será a imaxe do cartel da súa vixésima edición, que se celebrará entre o  6 e o 27 de marzo na nosa cidadade e contará con Italia como país convidado.

A convocatoria, realizada polo Concello de Pontevedra e GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) incrementou a participación ao recibir un total de 126 propostas procedentes de 15 países, principalmente europeos e de América Latina, aínda que tamén houbo representacións de Irán ou India.

A gañadora, Susana Suniaga, que participara nas anteriores convocatorias quedando finalista, foi alumna do Mestrado de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O xurado destacou do seu traballo a forte personalidade e a calidade estética e técnica. O xeito no que mesturou o libro e humor mediante o imaxinario simbólico.

Suniaga achegou no momento de presentar orixinal gañador un texto explicativo no que apunta que “ao pensar no humor non puiden evitar trasladarme á miña infancia para lembrar momentos de risa, esa “xenuína” e autentica que saía ao ver libros ou debuxos animados cheos de animais humanizados interpretando roles determinados para facer rir. Os animais deste cartel personifican un momento de xogo, complicidade, risas, alegría e outras características propias do humor que aparece cando se conxugan estes elementos”

Nacida en Venezuela no 1981, licenciouse en Artes Visuais na Unversidade de Mérida na que foi docente durante 7 anos. Ten participado en numerosas exposicións colectivas e individuais en diferentes países nos eidos da pintura e ilustración. Chegou a Pontevedra para cursar o Mestrado de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e na actualidade realiza o seu Doctorado en Creación e Investigación en Arte Contemporánea na Facultade de Belas Artes.

Os 12 orixinais finalistas que formarán parte do almanaque do Salón pertencen a Sofía Venzel (Rusia) e Bea Gregores (Galicia), ambas ex alumnas do Mestrado de Libro Ilustrado da cidade, o pontevedrés Fernando Tomé Castro ex alumno da escola Garaxe Hermético, Francisco Pérez Villanueva (Galicia), Kim Amate (Cataluña), Andrés Cañal (Cataluña), Florencia Rodríguez (Arxentina), Paula Ventimiglia (Arxentina), Anna Font (Cataluña) e Bea Lozano (Salamanca) Integraron o xurado, reunido hoxe na Sala de Comisións do Concello e coa  directora xerente do Pazo da Cultura, Pilar Portela como secretaria, as seguintes persoas:

Antonio Seijas, ilustrador, en representación de GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil).
Alberto Ariza, ilustrador, en representación da AGAPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).
Itziar Ezquieta, artista plástica e docente da Universidade de Vigo.
Belén G. Freijeiro, deseñadora gráfica e docente no Máster de Libro Ilustrado da Universidade de Vigo.
Eva Mejuto, coordinadora do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.