O cruceiro da igrexa de Mourente estrea nova ubicación e recupera o basamento orixinal

14
  • A petición da veciñanza da parroquia, desprazouse 50 cm e recuperáronse o tres chanzos da base sobre os que orixinalmente se sostiñan o fuste e a cruz 

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, visitou esta mañá as obras da nova ubicación do cruceiro da igrexa de Mourente e de colocación do basamento orixinal. Estes foran precisamente os dous compromisos que o concelleiro adquirira coa veciñanza da parroquia nunha visita no transcurso do verán.

Para levar a cabo estas obras, Moreda e os técnicos municipais xestionaron perante a dirección xeral de Patrimonio tanto o desprazamento deste elemento como a recuperación da súa rasante orixinaria, isto é, dos tres chanzos da base do mesmo posto que na antiga ubicación, o primeiro dos tres chanzos da base permanecía enterrado pola capa de asfalto do adro da igrexa. 

Hai que lembrar que este cruceiro fora derribado por un vehículo accidentalmente e reparado con cargo á compañía aseguradora do coche que provocou o accidente. A restauradora que se ocupou da mencionada reparación, Marta Díaz Fernández, indicou que os traballos consistiron na reconstrución da vara “que estaba rota en mil pedazos”, mentres que da cruz tivo que facerse unha reprodución en pedra da orixinal, previa autorización de Patrimonio.

Ao longo desta semana está previsto que rematen os traballos de colocación do basamento e na vindeira está previsto que se coloquen a vara e a cruz, quedando o cruceiro xa completo. Ademais, os veciños acordaron colocar no interior do basamento unha “capsula do tempo” cun documento no que se recolla o ‘fito’ tanto da recuperación da fisonomía orixinal como do desprazamento.