O tráfico do barrio do Burgo adaptarase ao modelo de cidade

178
  • Eliminarase o tráfico de paso e de axitación, e priozarase a mobilidade peonil
  • Acometerase unha reforma integral da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade
  • O novo centro social comezará a ser utilizado pola veciñanza o 9 de novembro e será inaugurado oficialmente o sábado 23

A reforma integral da rúa da Santiña e a reordenación do tráfico no barrio do Burgo foron as dúas principais actuacións que o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, lle presentou onte á Asociación Sociocultural do Burgo. “Este é o mandato dos barrios e o efecto PO2 significa que temos que vivir mellor en cada un dos barrios da cidade” asegurou Demetrio Gómez e nesta filosofía enmarcou a reforma integral da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, así como a reordenación do tráfico para limitalo ao estritamente necesario para o funcionamento do barrio.

Segundo indicou o concelleiro, a reordenación do tráfico irá acorde coa filosofía do modelo de cidade, o que implicará a eliminación do tráfico de paso e de axitación. “A idea é que o tráfico non atravese o barrio, que quen non teña que entrar non entre, e que as rúas queden para uso dos veciños e das veciñas” asegurou. Para acadar este obxectivo, o reordenamento implica os seguintes cambios:

– Inverter o sentido de circulación da avenida da Coruña, que pasaría a ser de subida en todo o vial

– Inverter o sentido de circulación do treito de Luis Otero que rodea o estadio de Pasarón, por detrás da bancada norte e por detrás da bancada de preferencia con saída cara a rotonda (da avenida de Compostela9

– Inverter o segundo treito da rúa da Santiña, a partires da rúa Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída

– O treito histórico da rúa da Santiña, o treito máis próximo á rúa do Burgo, quedaría de dobre sentido, ao igual que todas as rúas do centro histórico da cidade.

Con esta reordenación, o concelleiro asegurou que “estas rúas quedarían practicamente so para tráfico veciñal e para que poidan funcionar todos os negocios do barrio”. Explicou que estes cambios implican unha pequena obra -cuxo proxecto está practicamente rematado- que consiste en cambiar a zona de aparcadoiros da avenida da Coruña, para que queden situados á dereita segundo o novo sentido da circulación (subindo). 

Demetrio Gómez anunciou que este reordenamento do tráfico foi aceptado na xuntanza de onte e que a vindeira semana, o martes 29 de outubro, lles será exposto aos comerciantes e empresarios do barrio para contar tamén coas súas achegas. A previsión é que estea operativo a finais deste ano ou comezos do vindeiro.

Novo centro sociocultural

Na xuntanza de onte tamén se acordou a data da inauguración oficial do novo centro sociocultural do barrio que quedou fixada para o sábado 23 de novembro, aínda que a veciñanza comezará a utilizalo unhas semanas antes. A data da festa de inauguración programouse para despois do período electoral e, en palabras de Demetrio Gómez “para esta festa non cociñarán as señoras do barrio, esta vez cociñará o Concello para que poidan gozar todos e todas”.

As novas instalacións, pendentes só da conexión da rede eléctrica, comezarán a utilizarse  o 9 de novembro.