A festa máis alemana de Pontevedra múdase á Praza de España nunha XI edición que chega con 9.000 litros da mellor cervexa, 10.000 salchichas e 1.000 codillos

76
  • Yoya Blanco destaca que “o Outubrofest 2019 contará cunha nova carpa máis grande que acollerá, entre o 31 de outubro e o 3 de novembro, música en directo e tenda de merchandising”

A reserva da Praza do Teucro como foro electoral motivou que o Pontevedra Rugby Club (PRC) tivese que trasladar a XI edición do Outubrofest á Praza de España. Un cambio de ubicación que, como sinalou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, impulsora desta festa, “vai traer consigo como principal novidade a instalación dunha carpa máis grande do que era habitual e que acollerá, entre os días 31 de outubro e 3 de novembro, música en directo, tenda de merchandising e outras actividades paralelas ao evento”.

A Praza de España foi precisamente o lugar elixido para o acto de presentación do evento, no que a edil do PSOE estivo acompañada polo presidente da entidade organizadora, o Pontevedra Rugby Club, Félix Álvarez, e a súa secretaria, Cristina Lorenzo. Tal e como sinalou a socialista, “esta festa traerá un ano máis ao corazón da cidade unha pequena parte da cultura popular alemana, cunha oferta gastronómica tan sinxela como irrexeitable: codillos e diferentes tipos de salchichas, coas súas correspondentes guarnicións, ketchup e mostaza, ademais da mellor cervexa loura, de trigo e tostada servida en xarras de pinta ou dun litro”.

“Nesta época do ano, o corpo non pide outra cousa que Outubrofest. Todo apunta a que, como aconteceu en edicións anteriores, se superen os 9.000 litros de cervexa consumida. De comer tampouco vai faltar, xa que, de partida, dispoñemos duns 1.000 pratos de codillo e de arredor de 10.000 salchichas. Asemade, os que somos nais e pais contaremos cunha zona de lecer e animación infantil”, apuntou Yoya Blanco.

Félix Juncal lembrou que “esta celebración xa tradicional de Pontevedra foi a primeira iniciativa de carácter social e festivo desenvolvida polo Club, coa sa intención de acadar un xeito de autofinanciarse para non depender das subvencións públicas”. Segundo apuntou, o Outubrofest, que é posible grazas ao traballo voluntario dos propios xogadores e das súas familias, “permite chear de vida a cidade nestas frías noites de finais de outubro e principios de novembro, converténdose, despois de dez anos, nunha festa de referencia”.

O presidente do PRC asegurou que, como acontece no xogo, “os valores do rugby subxacen no espírito do Outubrofest, polo que ademais de axudar co fin común ligado á parte máis prosaica do Club, manter a súa economía a frote, tamén ensina valores tan humanos como compartir bromas e confidencias entre leitugas e codillos, tíckets de cores, pesados barrís, pranchas sofocantes ou mesas ateigadas de xente”. A carpa abrirá as súas portas o xoves 31 de outubro ás 14.00 horas e funcionará en horario de 12.00 a 00.00 horas.

Premio ‘Máis que rugby’ para a SD Monte Porreiro

Como se ven facendo en anteriores edicións, a carpa instalada na Praza de España acollerá o acto de entrega do premio ‘Máis que rugby’, que se lle outorgará a un club da cidade que, como o PRC, destaque pola súa aposta a prol da canteira. Yoya Blanco explicou que “o galardón irá acompañado de unha salchicha de tres metros preparada especialmente para a ocasión”. “Este ano -avanzou a edil de Promoción Económica- o premio entregarase ao club de fútbol SD Monte Porreiro, que comparte instalacións e o seu día a día en adestramentos e partidos co Pontevedra Rugby Club”.

Cartel do Outubrofest 2019.