Máis de 470.000 euros de investimento en Lourizán en tecnoloxía led e mellora de rúas e da rede de pluviais

11

Os investimentos que se están executar neste momento na parroquia de Lourizán e os que se prevé que se executen a curto prazo ascenden a 470.835,27 euros. Así o anunciou esta mañá a portavoz do goberno, Anabel Gulías, quen fixo un repaso tanto ás obras que se están realizando neste momento e como á previsión inmediata.

En primeiro lugar, mencionou a substitución das luminarias leds na parroquia de Lourizán, cun investimento de 217.871,27 euros, naquelas rúas e camiños nas que aínda non se implantara. Hai que lembrar que unha parte da parroquia (a máis próxima a Marín) xa dispón desta tecnoloxía grazas a un proxecto conxunto que se realizara anteriormente co Concello de Marín.

Esta intervención enmárcase dentro dun proxecto máis amplo de implantación progresiva de tecnoloxía led no alumeado público das parroquias do rural para avanzar nos parámetros de eficiencia enerxética e sustentabilidade xa implantados no centro e nos barrios urbanos. Lourizán é a cuarta parroquia na que se leva a cabo despois de Bora, Ponte Sampaio e A Canicouva.

No ámbito das obras que están en execución, mencionou o proxecto de reurbanización de parte da avenida Marqués de Valterra, entre os números 93 e o 71, no barrio de Estribela, Esta obra está incluída dentro dos fondos da ARI, cun orzamento de 68.155 euros, e contempla o redimensionamento e substitución da rede de pluviais, ademais de introducir o saneamento nos tramos onde non existía. No apartado de obras, lembrou que tamén se está executando a rehabilitación e o asfaltado das vías que van de Rorís a Meán e O Rial, cun orzamento de 184.809 euros. 

Por último, anunciou que nas vindeiras semanas se levará a Comisión a obra de Martín Raxó, e que se levará a cabo un proxecto de colocación de novas placas co nome das vías e os números dos edificios para subsanar problemas con servizos de reparto e de Correos, derivados do deterioro ou numeracións contraditorias.