O Concello presenta “Primeiro a cidade”, unha publicación de referencia sobre a transformación urbana

110
  • A presentación terá lugar o vindeiro mércores ás 20:30h na Casa da Luz e contará coa presenza do autor, Fernando Nebot, e do concelleiro de Mobilidade, César Mosquera

“Primeiro a cidade. A mobilidade en Pontevedra, 1999-2019” é o título da publicación que recolle “as ferramentas coas que construímos unha cidade Efecto PO2” en palabras do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez. O libro será presentado publicamente o vindeiro mércores ás 20:30h na Casa da Luz e contará coa presenza do autor, Fernando Nebot, e do concelleiro de Mobilidade, César Mosquera. 

O libro, que nace dun informe previo realizado no pasado mandato, está chamado a “converterse nun manual de referencia sobre o calmado do tráfico pero tamén sobre enxeñería” asegurou Demetrio Gómez. O concelleiro explicou que esta publicación, de carácter técnico, fai unha análise crítica de cada elemento utilizado na transformación urbana de Pontevedra en función dos obxectivos que se perseguían en cada caso. “É unha análise das técnicas que se aplicaron en Pontevedra e cales non, e por que e como en cada caso” insistiu. 

Esta publicación tamén será de utilidade nos foros e congresos internacionais nos que se solicita a presenza de Pontevedra e que, a partires de agora, poderá ir acompañada deste documento explicativo. Para este efecto, editáronse 2.000 exemplares en lingua galega, 2.000 en español, e estase ultimando a tradución ao inglés. Neste sentido, Demetrio Gómez tamén salientou a importancia de “contar cun manual deste tipo en galego”, xa que o mercado adolece deste tipo de materiais en lingua galega, “o que tamén supón un traballo de normalización” afirmou.

Por último, asegurou que a pesares do carácter técnico da publicación, a súa lectura é accesible para todo tipo de públicos e que “para a veciñanza de Pontevedra é un libro moi cercano, porque todos entendemos os conceptos técnicos que recolle e non nos van resultar nada extraños”.

O libro distribuirase gratuitamente e pode solicitarse no concello ou descargarse en pdf desde a web institucional: https://www.pontevedra.gal/2019/10/28/primeiro-a-cidade/