Renovación do pavimento e limpeza dos xogos no parque infantil de Salcedo

9

O parque infantil situado ao carón do Centro Cultural de Salcedo está neste momento en obras por renovación do pavimento e limpeza, lasurado e recolocación dos xogos. Estes  traballos, que contan cun orzamento de 24.512, 48 euros, teñen por obxecto garantir a seguridade dos e das máis cativas, a través da renovación e adecentamento dos distintos elementos desta área.

“Esta actuación responde a unha demanda da veciñanza para mellorar a seguranza das crianzas que xogan nel, posto que o principal elemento que renovamos, que é o pavimento, está especialmente deseñado para amortiguar os impactos” explica o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña. Así, xa se procedeu á retirada do antigo pavimento de cortiza e sobre a base de xabre que quedou ao descuberto procederase á colocación dun pavimento de seguridade de caucho. Sobre este revestimento de seguridade, que ten unha función illante e amortiguadora, colocarase céspede artificial. 

Á renovación do pavimento sumarase o lavado, lasurado e recolocación de todos os xogos desta área que darán como resultado “que o parque quede practicamente como novo” segundo indica Alberto Oubiña.

Esta área de xogos, que está situada na contorna do Centro Cultural (Casa Verde) e da Casa do Monte, no núcleo de centralidade da parroquia de Salcedo, conta cun importante número de usuarios e usuarias.