A Concellería de Igualdade e a Mesa da Violencia Machista impulsan o primeiro Protocolo de Coordinación para a Atención das Vítimas de Violencia Sexual

13
  • A socialista Paloma Castro suliña “a necesidade de que se clarifique a orde de actuación da Policía, os profesionais sanitarios e os forenses na atención dos casos de agresión sexual”

A Mesa da Violencia Machista reuniuse hoxe no Concello de Pontevedra para analizar o borrador do primeiro Protocolo de Coordinación para a Atención das Vítimas de Violencia Sexual. Entre outras cuestións, este documento, impulsado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), tentará clarificar e optimizar a cadea de orde de intervención das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os profesionais dos centros sanitarios e os forenses á hora de atender os casos de agresión sexual.

Na reunión de hoxe participaron, ademais da concelleira socialista Paloma Castro, a directora do CIM, Rosa Campos, e representantes da Policía Local, a Consellería de Sanidade, o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), a Subdelegación do Goberno, a Fundación Meniños, a Policía Autonómica, o Centro de Saúde da Parda e a Policía Nacional, así como unha traballadora social do Concello e unha axente de Igualdade do CIM. Segundo explicou Paloma Castro, o novo Protocolo, que pretende acadar unha coordinación máis estreita entre os axentes implicados, e especialmente entre a Policía e os centros de saúde, “está nunha fase incipiente, de borrador, á espera de que se fagan as achegas pertinentes e se corrixan varios puntos”.

Como avogada especializada en Violencia de Xénero, a edil do PSOE atopouse, sobre todo durante as súas gardas, “cun enorme baleiro no eido da orde de actuación que se segue tras unha agresión sexual”. “Agora mesmo actúase sobre a marcha e, por exemplo, ninguén sabe se a médico de Urxencias debe agardar a que chegue o forense para non contaminar a proba ou se a chamada ao forense lle corresponde á Policía ou ao centro de saúde. Pola miña propia experiencia, é imprescindible que se clarifique isto no Protocolo”, indicou Castro.

Por outra banda, segundo apuntou a concelleira de Igualdade trala reunión, na que se expuseron as actuacións levadas a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado neste sentido, o documento tamén fará especial fincapé na protección dos dereitos das vítimas de agresións sexuais “dende o ámbito xudicial”.