O campionato de taekwondo Cidade de Pontevedra esgota o cupo de inscricións

20

O Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra chega esta fin de semana á súa XXII edición co número de inscricións “no tope”, segundo indicou o  seu organizador, Miguel Ángel Cortegoso, presidente do Club Mace Sport. As inscricións ascenden a 1542 e proceden de 80 clubs de toda Galiza, Guadalajara, Tarragona, Alicante, Asturias, León, Madrid, Tenerife, Bilbao, Mallorca, Barcelona, Portugal, Cabo Verde e Colombia.

As competicións, que terán lugar o sábado e o domingo no pavillón de Príncipe Felipe, foron presentadas publicamente nunha comparecencia encabezada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e na que participaron, ademais de Miguel Ángel Cortegoso, o presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz, e representantes das entidades patrocinadoras, Daniel Benavides, xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Gregorio Agís, deputado provincial de Infraestruturas, e José Luis Ramírez Matos, director de zona de Pontevedra metropolitana de Abanca.

Fernández Lores cualificou este campionato como “un dos grandes eventos deportivos que incluímos na nosa programación anual”, ao tempo que asegurou que “é un orgullo facer este campionato e ter en Pontevedra un club como Mace Sport que ten deportistas que están competindo a nivel internacional e esperemos que algún ou algunha poida ir tamén ás olimpiadas”. No ámbito do taekwondo tamén indicou que “Pontevedra é unha potencia a nivel de Galicia, e Galicia é unha potencia a nivel do Estado”.

Pola súa banda, Miguel Ángel Cortegoso lembrou que este campionato nacera “para fomentar a actividade do taekwondo en Pontevedra e para subir o nivel deportivo da nosa xente”. Na altura da XXII edición e co cupo de inscricións completo, explicou que “xa que a participación non a podemos subir, o obxectivo é mellorar a calidade do campionato”. Neste sentido, salientou como principal novidade a utilización de sistemas electrónicos. Citou en primeiro lugar os cascos con máscara electrónicos que se utilizarán por primeira vez no Estado e que son obrigatorios para as categorías de cadetes e alevíns. Como segunda novidade, mencionou o uso do sistema de vídeo replay con catro cámaras por pista que permitirá que os participantes “sintan que se realiza unha arbitraxe máis xusta”.

En canto ao programa de competicións, o sábado 2 de novembro celebrarase unha xornada contínua en 12 pistas. De 9h a 14h terán lugar os combates júnior e infantil, e de 14h a 20h os de alevín e cadetes. O domingo, de 9h a 14h, terán lugar de xeito simultáneo o combate absoluto e máster e o campionato de técnica. Por último, a modalidade de exhibicións e freestyle terá lugar de 16h a 18h.