- O concelleiro de Deportes lembra que “Jaime xa se coronou campión do mundo de dobres de Paddleball e Mario ven proclarmarse campión sub 16 do 3 Wall Racquetball en Las Vegas”
“Quero que esta recepción serva para dar a coñecer e poñer en valor as fazañas de dous campións mundiais nunhas disciplinas deportivas ata o dagora absolutamente descoñecidas. O tenista Jaime Blanco é xa un consagrado mestre internacional do paddleball e o seu fillo Mario Blanco ven de proclamarse campión sub 16 no 3 Wall Racquetball celebrado en Estados Unidos”. Con estas verbas ensalzou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “as históricas victorias acadadas no Campionato do Mundo de Las Vegas por esta inédita e extraordinaria saga de xogadores ‘made in Pontevedra’”, aos que hoxe felicitou persoalmente no Concello nunha recepción institucional.
Ademais de para homenaxear aos deportistas polas súas máis recentes fazañas, o encontro serviulle ao socialista “para afondar no coñecemento das devanditas disciplinas e duns currículos deportivos abraiantes”. Tal e como explicou o propio Jaime Blanco, “o paddleball é un deporte que naceu e se xoga nos Estados Unidos, onde conta na actualidade cuns 300.000 practicantes, e tamén algo no Norte de México e en Porto Rico”. “No resto do mundo -suliñou- só se practica en… Pontevedra”.
No que atinxe ao racquetball outdoor, trátase dunha modalidade moi popular en USA, onde hai arredor dun millón de xogadores, e que ten practicantes en Sudamérica e nalgún país non americano, como Exipto ou Xapón. De novo, Pontevedra volve ser unha excepción dentro de Europa, onde, sen embargo, si se xoga dende os anos 80 racquetball indoor baixo a organización da European Racquetball Federation (ERF).
No recente Campionato do Mundo de 2019 que tivo lugar en Las Vegas, Mario Blanco venceu na categoría under 16 de 3 Wall Racquetball, mentres que o seu pai, Jaime, acadou o subcampionato en One Wall Paddleball Doubles (Small Ball) facendo parella co xogador de Queens (New York) Henry Corona. Segundo salientou o concelleiro de Deportes, “eles foron os únicos europeos e non americanos en participar neste torneo internacional, como xa o fora Jaime en anos anteriores”.
Non obstante, Jaime Blanco xa se coroara en 2017 campión mundial na modalidade de dobres mixtos de 3 Wall Paddleball, nesta ocasión coa xogadora do Bronx (New York) Melissa Sky, converténdose no primeiro tenista non americano que consegue gañar un campionato do mundo na historia do paddleball (disciplina que data de 1930). “Ademais de vencer en tódalas edicións que se desputan, dende 2014, dos Campionatos de Europa, son o único xogador non americano na historia destes deportes que disputou Campionatos do Mundo tanto de racquetball outdoor como das tres modalidades de paddleball: outdoor (unha e tres paredes) e indoor (catro paredes)”, engadiu Blanco.
Sen federación, pero cunha asociación con sede en Pontevedra
Pai e fillo practican, xunto con outr@s amig@s e compañeir@s, unhas disciplinas que non se encadran en ningunha federación deportiva galega ou española, cos conseguintes gastos e inconvintes que isto conleva. Jaime Blanco constata que o seu único ‘abrigo’ legal é “a Asociación Galega, con sede en Pontevedra e rexistrada en 2014 no Rexistro da Consellería de Presidencia da Xunta”, e que son o único colectivo que practica racquetball outdoor e paddleball outdoor e indoor en Galicia, España e Europa, polo que eles mesmos se encargan de organizar cada ano o correspondente Campionato Europeo en tódalas modalidades citadas.