Medio Natural finaliza os traballos de poda de árbores molestas, enfermas ou en mal estado nas rúsa Pardo Bazán, A Barca, O Cruceiro, Arcebispo Malvar e Alfonso XIII

11
  • O socialista Iván Puentes pon en marcha as obras de plantación e acondicionamento de zonas axardinadas na rúa Santa, a Praza do Peirao, as Cinco Rúas e Alameda

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, continúa a executar traballos de poda de árbores molestas, enfermas ou en mal estado en diferentes puntos da cidade. Nesta ocasión, as brigadas do servizo municipal de Parques e Xardíns, que coordina Manuel Fontán, levaron a cabo actuacións nas rúas Pardo Bazán, A Barca, O Cruceiro, Arcebispo Malvar e Alfonso XIII.

Tal e como explica Iván Puentes, “en tódalas especies sobre as que se actuou revisáronse e elimináronse as ramas mortas e recortáronse aquelas que resultaban molestas por invadir fachadas e fiestras de edificacións ou ocupar prazas de estacionamento”.

Por outra banda, o concelleiro de Medio Natural tamén ven de asinar a contratación da obra de plantación e acondicionamento de zonas axardinadas na rúa Santa, a Praza do Peirao, as Cinco Rúas e a Alameda, un proxecto que ascende a 1.752 euros.