A Concellería de Medio Natural renovará unha das pasarelas de madeira da Illa das Esculturas

46
  • O edil Iván Puentes explica que o proxecto de reparación da ponte, situada á altura do chiringuito da Xunqueira, ascende a 15.342 € e incluirá a reparación dos arcos e a substitución da soleira

A empresa Carpintería Abilleira será a encargada de executa-lo proxecto de renovación da pasarela de madeira que conecta a Illa das Esculturas co campus deportivo da Xunqueira á altura do chiringuito. A actuación, impulsada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, conta cun orzamento de execución que ascende a 15.342 euros e incluirá a reparación dos arcos e a substitución da soleira con novas pezas.

Segundo constata o edil do PSOE, “a pasarela sobre a que se vai intervir, que permite cruzar o canal interno da Illa das Esculturas, presenta nestes momentos problemas de conservación e síntomas de podremias, polo que é preciso comezar os traballos coa maior brevidade para evitar que acaden unha dimensión maior e supoñan un risco para os usuarios”. Entre as obras que se levarán a cabo contémplase o lavado integral da estrutura e do piso da ponte mediante a utilización dunha máquina hidrolavadora, o cepillado e lixado dos arcos para retirar tratamentos deteriorados e o empastado de grandes gretas.

“Dado que a soleira atópase moi deteriorada, será substituída con novas pezas de madeira de elondo, colocadas de xeito que eviten a acumulación de auga. A actuación rematarase aplicando un lasurado protector de cor carballo/nogueira, insecticida e anti raios UV”, sinala o socialista.

O proxecto de recuperación desta ponte forma parte das tarefas regulares de mantemento coas que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural pretende conservar en perfecto estado de uso diversas estruturas da contorna da Illa das Esculturas. Para a execución destes traballos precisarase a instalación dun andamio na propia pasarela, así como a colocación de diversos elementos destinados a evitar a caída de materiais e substancias indesexables á auga.