Coordinación entre as áreas municipais para crear o futuro espazo de centralidade parroquial dos Campos

13
  • Esta semana adxudicarase o Local Social. Está en pleno proceso de contratación o novo acceso a Monte Porreiro e, en breve, entrará en licitación a sede do GDR. 
  • No vindeiro ano o Concello investirá nos Campos máis de 2,1 millóns de euros.

O Concello de Pontevedra traballa coordinadamente para configurar o espazo de centralidade parroquial dos Campos, na parroquia de Mourente, que o vindeiro ano estará en obras. Nel está previsto o acondicionamento do novo Local Social, do centro de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural, e tamén a chegada no novo acceso a Monte Porreiro dende Tafisa. 

Nestes momentos todos os proxectos atópanse en distintas fases de contratación, coa previsión de que poidan estar adxudicados cara finais de ano ou primeiros do 2020. O investimento para os Campos superará os 2,1 millóns de euros.

O novo acceso a Monte Porreiro

A Oficina de contratación e os Servizos técnicos municipais están analizando as 16 ofertas que se presentaron para a execución desta nova vía que empeza en Tafisa e remata no espazo de centralidade parroquial dos Campos.

O prazo de execución da obra é de 9 meses e o orzamento de licitación ascende a 1.137.280,50 euros. O proxecto planeou unha vía de 605 metros, de dous carrís de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros. Incluirá calmado de tráfico para darlle carácter de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil propios do modelo Pontevedra. 

A solución tamén inclúe un tratamento específico para o entronque na zona dos Campos, onde se realizará unha intervención para crear unha gran praza pública, ordenando o espazo e integrando zonas verdes.

Local Social dos Campos

A Mesa de contratación reunirase esta semana para adxudicar definitivamente o novo Local Social dos Campos que recibiu 13 ofertas. O proxecto ten un prezo de 536.423,53 euros e un prazo de execución de 5 meses. 

Este edificio son dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula. Estará separada por portas abatibles e un corredor polo medio que servirá de conexión entre ambos lados do edificio. 

No caso de ser preciso retíranse as portas e créase unha gran aula cunha cabida para unas 80 persoas sentadas ou 120 de pé, ou ben dúas aulas independentes. En todo caso, está pensada para facer distintas actividades como cociña, conferencias, exposicións… 

Tamén haberá unha dotación de oficinas e almacén, e farase un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con este cun corredor acristalado. 

Finalmente, o edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre, xa que tamén está previsto o acondicionamento da contorna. 

O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e a súa rehabilitación levará aparellada unha actuación na contorna. 

Local GDR

A última das actuacións será o acondicionamento do terceiro edificio público dos Campos para situar a sede do Grupo de Desenvolvemento Rural que na actualidade xestiona os fondos europeos Leader Pontevedra-Morrazo, e que ten as oficinas provisionais no edificio municipal de Santa Clara.

O proxecto ten un custe de 452.497,21 euros, dos cales 183.261,37 euros  (40,5%) achegaraos os propios Fondos Europeos. O prazo de execución da obra é de 5 meses.

O edificio das futuras dependencias do GDR está no medio da parcela. Anteriormente era un colexio de educación primaria, que se trasladou ao barrio de Monte Porreiro. 

O proxecto consiste na rehabilitación integral de todo o inmoble, que ten dúas plantas. Na parte baixa, cunha superficie de 233,45 metros cadrados, está previsto a creación dun vestíbulo e sala de usos múltiples, aseos, cuartos de limpeza, almacéns… Na segunda planta, cunha superficie de 239,65 metros cadrados, instalaranse despachos, unha sala de reunións, almacén e outras dependencias para acoller estas oficinas.