O Concello loita contra o cambio climático co programa Papel Cero

31
  • O 1 de xaneiro todas as comunicacións entre os empregados públicos serán telemáticas e con plena eficacia xurídica.

O Concello de Pontevedra, a través das Concellarías de Réxime Interior e Persoal, traballa na potenciación da Administración electrónica como peza clave no proxecto Efecto PO2, de loita contra o cambio climático. Neste marco, a portavoz do Goberno e concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías deu conta esta mañá da instrución enviada a todos os servizos municipais para que a data 1 de xaneiro de 2020 todas as comunicacións internas do Concello (entre empregados e empregadas) sexan telemáticas e non en papel, e que teñan plena eficacia xurídica.

A esta situación xa se contribuíu coa entrada en vigor da sede electrónica no ano 2015 e coa implantación do programa de tratamento de expedientes (CIVIDAS), así como o programa Cronos que xestiona a pegada dixital de fichaxe e as comunicacións internas do persoal do Concello en todos os seus departamentos.

Co obxectivo de seguir baixando o uso do papel nas comunicacións internas do Concello, a instrución obriga a que todos os departamentos dispoñan dos servizos informáticos necesarios para estas funcións.

A esta instrución implantarase a outro ritmo nas Brigadas de obras polo tipo de traballo de realizan, e no Pazo da Cultura por tratarse dun organismo autónomo.

Ao mesmo tempo a concelleira de Réxime Interior anunciou a contratación dun novo sistema de xestión para o servizo de Tesourería que permitirá axilizar a tramitación da documentación relativa á inspección tributaria.

Este investimento será de 450.000 euros e estará cofinanciado cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).