O xornalista Fran Pérez Lorenzo reflexionará sobre a súa obra ‘Cabalos e lobos’ cun centenar de estudantes dos IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón

56
  • Os encontros enmárcanse dentro do programa Pinto e Maragota, da Concellería de Igualdade, e buscan que o alumnado “tamén faga memoria histórica sobre cuestións de diversidade sexual”

O escritor e xornalista Fran Pérez Lorenzo estará o venres día 8 de novembro en Pontevedra para manter sendos encontros co alumnado de 1º de Bacharelato de Galego do instituto Frei Martín Sarmiento e do IES Sánchez Cantón. O autor vigués reflexionará cos estudantes sobre a súa primeira novela, ’Cabalos e lobos’ (Xerais), que en 2014 recibiu o XXXII Premio Blanco Amor e que xa vai pola súa quinta edición.

A iniciativa enmárcase dentro do programa municipal Pinto e Maragota, impulsado pola Concellería de Igualdade e destinado a concienciar e sensibilizar á cidadanía pontevedresa en torno á realidade LGTBI e á diversidade sexual e de xénero. Segundo explica a edil socialista Paloma Castro, o primeiro dos encontros previstos terá lugar ás 10.00 horas no IES Frei Martín Sarmiento e o segundo a partires das 13.40 horas no IES Sánchez Cantón, coa participación duns 100 rapaces. Asemade, Lorenzo tamén asistirá a un encontro-xantar do Club de Lectura do Salón do Libro de Pontevedra ás 15.00 horas.

Tal e como suliña Paloma Castro, ‘Cabalos e lobos’ é unha novela que “remove os segredos máis escuros dunha familia alemana asentada en Vigo despois da I Guerra Mundial”. “Ao longo do libro -sinala a socialista- cóntanse moitos sucesos da historia familiar dende a súa chegada a Vigo ata o presente, facendo unha fantástica panorámica do século XX e da presenza de nazis en Galicia. Unha trama de amor homosexual dunha das personaxes da obra serve para facer memoria histórica, tamén sobre cuestións de diversidade sexual e sobre como o colectivo LGTB foi estigmatizado e obxecto de persecución polo Réxime de Franco”.

Fran Pérez Lorenzo naceu no ano 1973 e pertence á primeira promoción de profesionais formados na Universidade galega. Traballou para Galicia Hoxe e El Correo Gallego (nas súas edicións en galego e castelán) e participou na fundación e posta en marcha do dixital Dioivo. Asimesmo, ten un Posgrao en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Cataluña.