O Consistorio tinguirase de vermello na noite do venres co gallo do Día das Enfermidades Neuromusculares

18
  • A Concellería de Benestar Social e Asem, que conta con 190 socios en Pontevedra, estudan a organización dun congreso para dar a coñecer a realidade e necesidades destas patoloxías

A Concellería de Benestar Social, que dirixe a edil do PSOE Paloma Castro, anunciou a súa intención de abrir “un camiño de estreita colaboración” coa Asociación Galega Contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem Galicia). Como primeiro xesto simbólico, a socialista implicará ao Concello na conmemoración do 15 de novembro, Día Nacional destas patoloxías, mediante a iluminación da fachada da Casa Consistorial cunha luz de cor vermella na noite do venres ao sábado.

A cooperación con Asem Galicia foi ratificada durante un encontro que Paloma Castro mantivo co presidente do colectivo, Manuel Rego; o seu vicepresidente, César Maquieira, e o seu tesoureiro, Jenner David Ludeña, e no que se plantexou a posibilidade de organizar no futuro un congreso para dar a coñecer a a realidade e necesidades das persoas que sofren este tipo de enfermidades e das súas familias.

Os directivos de Asem explicaron que a asociación, que ata o dagora unicamente tiña sede en Vigo e que conta con 190 socios en Pontevedra, acaba de trasladarse ao antigo edificio da Xunta en Benito Corbal. Segundo lle comunicaron, as principais demandas do colectivo, que ten 25 anos de antigüidade, pasan esencialmente por mellorar o acceso aos tratamentos de fisioterapia e o asesoramento.

Tal e como explica Paloma Castro, “a asociación ofrece un valiosísimo servizo a un diverso abano de enfermidades neuromusculares, algunhas das cales son moi minoritarias ou non están nin tan sequera diagnosticadas, polo que existe un gran descoñecemento ao respecto (hai máis de 150 patoloxías deste tipo)”. 

“Asem desenvolve cursos sobre alimentación saudable, presta apoio psicolóxico, leva a cabo programas de axuda a domicilio e lecer adaptado e realiza campañas de sensibilización en centros educativos. Hai que salientar este traballo e, sen dúbida, esta Concellería vai manter unha colaboración con eles”, asegurou a concelleira do PSOE.

#delamano15N

A Federación Asem está a promover en toda España, grazas á colaboración do Ministerio de Sanidade, a campaña #delamano15N, un reto consistente en subir ás redes sociais unha foto da man dalguén, mencionar a dous usuarios para que continúen a cadea virtual e etiquetar a publicación co citado hashtag. Paloma Castro e os directivos de Asem Galicia aproveitaron a reunión para facerse unha foto cun apertón de mans a catro bandas e promover así, tamén nas redes, a concienciación sobre unhas enfermidades coas que conviven máis de 60.000 persoas en toda España.