Igualdade implica ás nais e pais de Pontevedra na educación afectivo-sexual dos seus fillos e fillas

56
  • O Concello pon en marcha a ‘escola de familia’ do programa municipal Sexoven cunha charla aberta á cidadanía que terá lugar este venres ás 20.00 horas na Casa Azul  

Coa finalidade de complementar os obradoiros que se veñen desenvolvendo nos centros educativos da cidade dende o mes de outubro no marco do programa municipal Sexoven, a Concellería de Igualdade, que dirixe a socialista Paloma Castro, programou dúas charlas destinadas a proxenitores baixo o título ‘Como tratar cos nosos fillos e fillas a educación afectivo-sexual’. A primeira delas terá lugar o vindeiro venres 15 de novembro ás 20.00 horas na Sala Valdecorvos da Casa Azul e está aberta a toda a poboación (con entrada de balde), mentres que a outra desenvolverase o luns 18 a partires das 16.30 horas no IES A Xunqueira I e poderán participar na mesma os familiares dos estudantes deste instituto.

Paloma Castro sinala que, “para facilitar a conciliación e a asistencia das nais e pais ao taller deste venres, haberá un servizo de ludoteca para os proxenitores que non teñan con quen deixar aos fillos e fillas pequenas (contarase cun monitor de tempo libre para os rapaces na sala anexa)”. Tal e como suliña a edil do PSOE, esta ‘escola de familia’ ten o obxectivo de “orientar ás nais e pais sobre como comunicarse cos seus fillos e orientalos e apoialos dende a educación afectivo-sexual, de xeito que poidan desempeñar de forma axeitada o seu imprescindible papel como figuras de apego”.

“As charlas serán impartidas por psicólogos/sexólogos da consultora de igualdade e xénero Asistogal -apunta a socialista- e pretenden involucrar ás familias nun aspecto fundamental da educación d@s adolescentes e dotalas de ferramentas para identificar sinais de alarma nas súas condutas sexuais”.

Baixo o enunciado ‘Pracer ConSentido. Só si é si’, o programa Sexoven está a desenvolver obradoiros de educación afectivo-sexual en centros educativos de Pontevedra que imparten a ESO e ciclos de FP. Á iniciativa sumáronse un total de 11 centros: IES Torrente Ballester, Valle Inclán, Frei Martín Sarmiento, Montecelo, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Sánchez Cantón e Luís Seoane, así como os CIFP Carlos Oroza e A Xunqueira e o Centro de Educación Especial de Príncipe Felipe. “Participarán nos talleres uns 2.500 estudantes (100 grupos)”, matiza Castro.

O proxecto conta coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar do Goberno de España e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e inclúe o reparto de preservativos co lema da campaña entre o alumnado.

Respecto, diversidade e loita contra a violencia machista

En opinión de Paloma Castro, “resulta esencial realizar un traballo conxunto, que implique aos responsables do centros educativos, os estudantes e as familias para reforzar entre todos as mensaxes que reciben os adolescentes neste eido”. Nas sesións que se están a impartir contémplanse cuestións como a importancia do respecto dentro das relacións sexuais, a prevención de enfermidades de transmisión sexual, a normalización e naturalización da diversidade e a loita contra a violencia de xénero.