Intensificación da limpeza da rede de 8.500 sumidoiros de pluviais da cidade

5
  • O Concello a través da empresa concesionaria Viaqua incrementou no outono a limpeza da rede de pluviais da cidade, que se atopa perfectamente dixitalizada.
  • No que vai ano téñense realizado máis de 14.500 limpezas de sumidoiros e xa limpou os 19.600 pozos de rexistro.

A Concellaría do Ciclo da Auga, que xestiona Carme da Silva, intensifica nestes días labores de limpeza dos sumidoiros da rede de pluviais para garantir que estes elementos estean ao máximo da súa capacidade hidráulica para evacuar a auga da choiva sen problemas, e tratando de minimizar o risco de incidencias.

Estes traballos realízaos a empresa concesionaria dos servizos de auga e rede de sumidoiros da cidade, Viaqua, que actúa nestes elementos durante todo o ano pero intensifica a súa actuación durante o outono.

A limpeza de sumidoiros realízana equipos de dúas persoas seguindo un roteiro predefinido, e o método de limpeza é, xeralmente, manual. Os operarios dispoñen dunha aplicación informática na que introducen a limpeza do sumidoiro e o grao de  colmatación. Todas estas actuacións quedan rexistradas para ter constancia das zonas limpas, e co tratamento posterior dos datos, conclúese cales son as zonas máis afectadas e as que requiren unha frecuencia maior de limpeza.

Inventario dixitalizado de sumidoiros de pluviais

Pontevedra dispón dun inventario dixitalizado coa localización de todos os  sumidoiros existentes na rede de pluviais. Na actualidade son 8.520.

Viaqua efectuou este ano 14.500 limpezas ata o mes de outubro, o que significa que os 8.520 sumidoiros existentes na cidade foron xa limpados, cando menos, unha vez, xa que como se ten dito, en función da problemática da zona, nalgúns casos límpanse dous e mesmo máis veces ao ano.

Así mesmo, no que vai de ano, o  Concello completou a limpeza dos 16.955 pozos e 525,70 quilómetros de canalizacións.

Tamén se poñen en marcha campañas especiais -plans de choque- no momento en que se comunican alertas de temporal ou que se prevén episodios de choivas intensas. Estes plans de choque revisan de forma máis exhaustiva puntos críticos da rede, para que estean en perfectas condicións de funcionamento durante estes episodios e non se xeren incidencias que poidan afectar o funcionamento normal da cidade.