Yoya Blanco pon en marcha unha nova edición de Pontedetapas con 69 elaboracións presentadas

59
  • A concelleira de Promoción Económica lembra que os clientes escollerán a Tapa Pontevedra e un xurado profesional outorgará os Premios do Xurado entre os 53 establecementos participantes

Un total de 53 establecementos participarán dende mañá, e ata o domingo 1 de decembro, na duodécima edición de Pontedetapas, un evento referente da gastronomía local impulsado pola Concellería de Promoción Económica e co que se pretende contribuír á desestacionalización do sector turístico e potenciar o turismo de proximidade. Segundo avanzou a edil socialista Yoya Blanco, este ano competirán no certame 31 tapas tradicionais, 20 tapas creativas e 18 cócteles “durante 18 días, con tres fins de semana completas, nas que degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados e a prezos baixos: dous euros por tapa e tres por cóctel”.

Como en anteriores edicións, a votación popular será a responsable de decidir a Tapa Pontevedra. O gañador deste premio representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco entre os vencedores dos concursos das sete grandes urbes galegas.

O gañador da Tapa Pontevedra tamén terá como premio desenvolver un showcooking na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, impulsada pola Concellería de Promoción Económica.

Por outra banda, un xurado profesional probará de incógnito as propostas previamente seleccionadas polo profesorado do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza e escollerá os Premios do Xurado á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e ao mellor cóctel. Tal e como explica Yoya Blanco, Pontedetapas conta co patrocinio de Mahou, polo tamén se outorgará un premio á mellor maridaxe con Mahou.

O gañador poderá realizar un espectáculo de cociña en directo no Mercado de Sabores Mahou ou nun evento semellante.

Premios para o público

Asemade, o público terá o seu premio en Pontedetapas. “A razón dun único voto por tapa ou cóctel, os clientes poderán votar a través dun cupón de votación, en formato papel, que deberán depositar nas urnas de cada local -suliña a concelleira de Promoción Económica- ou a través da app propia de Pontedetapas. Hai en xogo dous premios de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local”.

Un primeiro premio obterase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos e o segundo sortearase entre os clientes que voten a través da app Pontedetapas.

Yoya Blanco indicou que nesta edición volverase a lanzar o Pasaporte Pontedetapas, “que garante un regalo seguro (consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60 euros, a escoller entre tódolos establecementos do concurso) aos dez primeiros consumidores que o presenten selado por tódolos locais participantes na Casa da Luz antes do día 8 de decembro”.

Hai que lembrar que na pasada edición alzouse coa Tapa Pontevedra – Premio do Público ‘O polbo emigrante Atlántico vs. Asiático’ da Gastroteca de El Cafetín da Alameda, que tamén resultou galardoado como Premio do Xurado á mellor tapa creativa. A mellor tapa tradicional foi para Café Liceo co bocado ‘Empanada de millo de culler. Berberecho & mexillón’ e o mellor cóctel recaeu en Mulligans con ‘Holland Match’.