A elite do coaching e o desenvolvemento persoal dáse cita este sábado na VIII edición de ‘Ponte a punto’

123
  • O Congreso Acelerador do Desenvolvemento Persoal, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, contará con relatorios sobre resiliencia, autoestima, superación e intelixencia emocional

Fomentar e fortecer capacidades como a resiliencia, a superación, a autoestima, a motivación ou a intelixencia emocional é un dos obxectivos da VIII edición do Congreso Acelerador do Desenvolvemento Persoal ‘Ponte a punto’, que terá lugar este sábado, día 16 de novembro, no Pazo da Cultura. O evento, impulsado pola edil de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, incluirá un relatorio sobre ‘Mindfulness: vida plena’ a cargo da experta en coaching persoal e intelixencia emocional e trainer en programación neurolingüística (PNL) Paz Ortiz, máster en Neuropsicoloxía, Intelixencias Múltiples e Mindfulness e profesora de Mindfulness Based Stress Reduction (MBSR) polas universidades de Brown e Massachusetts.

O programa do congreso foi presentado hoxe na Casa da Luz pola propia Blanco en compañía do seu organizador, José Luis Bouzas, quen destacou o enorme prestixio e currículo dos especialistas que participarán nesta edición. Segundo explicou, tralo acto inaugural, que presidirá a edil do PSOE ás 9.30 horas, a primeira das charlas previstas neste ‘Ponte a punto’ será protagonizada pola coach persoal e educativa Carmen Barrios, profesora do Cursos Superiores de Coaching e Intelixencia Emocional da Escola de Intelixencia da Universidade Nebrija, baixo a epígrafe ‘Das cadeas do victimismo ás da resiliencia’.

Despois desta conferencia e da de Paz Ortiz, en torno ás 12.30 horas, tocaralle o turno ao coach nutricional e deportivo Xavier Miralpeix, adestrador superior de Natación, campión de España de Natación, participante nos Xogos Olímpicos de Los Angeles, conferenciante, formador e escritor (autor do libro ‘A beleza das cicatrices’), que falará sobre ‘A calidade do adverso’.

Xa pola tarde, entre as 16.00 e as 17.45 horas, tres poñentes tomarán parte nunha mesa de relatorios encadrados no título ‘Pontalento’: a experta en coaching persoal e nutricional Carmen Pereira, auxiliar de enfermería en consultas de Cirurxía Bariátrica e Cirurxía Endocrina do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, abordará o ‘Coaching nutricional: alimentando o benestar’; o terapeuta psicocorporal Eduardo Méndez, mestre de taichi chikung, kung fu e ioga e experto en coaching con formación en intelixencia emocional e programación neurolingüística, amosaranos ‘O camiño cara a vitalidade e o benestar’, e o empresario José Piñeiro, experto en neuroventas, formador de equipas comerciais e apaixonado polo desenvolvemento persoal e a aprendizaxe, impartirá a charla ‘A miña avoa, a coach’.

O malentendido do amor

A concelleira de Promoción Económica destacou “a ampla variedade de temáticas que contempla o programa do VIII Congreso Acelerador do Desenvolvemento Persoal, entre os que tamén se inclúe unha conferencia sobre ‘O malentendido do amor’ a cargo da coach transpersoal Lorena Goco, facilitadora do Entendemento da Experiencia Humana por medio dos Tres Principios, adestradora da capacidade innata de evolución, docente especializada do desenvolvemento persoal, conferenciante e investigadora da mecánica da mente humana e fundadora do método Raíces (para mellorar as relacións cun mesmo e cos demais).

O experto en coaching, liderazgo e motivación Pepe Cabello, director do Máster de Coaching da Fundación San Pablo Andalucía CEU, presidente da Asociación Iberoamericana de Coaching Deportivo e Calidade de Vida e autor dos libros ‘Saúde, actividade física e alto rendemento’ e ‘E se fose posible?’, encargarase de pechar o evento, arredor das 19.15 horas, cunha ponencia titulada precisamente ‘E se fose posible?’.

Todas aquelas persoas en participar no congreso poden obter máis información e formalizar as inscricións na web www.ponteapunto.es.