Anedia agarda superar este sábado os 500 participantes na VI edición da Milla Urbana Solidaria

31
  • O evento foi presentado hoxe polo concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández; a presidenta de Anedia, María José Rego, e o director deportivo da carreira, Gonzalo Méndez

Sen choiva no horizonte (cando menos segundo as previsións meteorolóxicas) e coa ilusión de acadar novamente ou superar a cifra de 500 participantes agarda celebrar a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia) a súa VI Milla Urbana Solidaria, que terá lugar este sábado, día 16 de novembro, no paseo da Gran Vía de Montero Ríos. Esta proba oficial da Federación Galega de Atletismo, con distancia homologada, foi presentada hoxe no Concello polo concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández; a presidenta de Anedia, María José Rego, e o director deportivo da mesma, Gonzalo Méndez.

A carreira estará controlada polo Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo e formará parte do seu calendario oficial de probas en ruta. Tal e como sinalou o socialista Tino Fernández, trátase dun evento “de soliedariedade e visibilidade, que permite que a xente de Pontevedra coñeza o traballo que este colectivo fai nun ámbito da saúde tan relevante como é o da diabetes”. “O elevado índice de diabetes entre os nenos é un tema que preocupa moito a esta Concellería -apuntou- e a saúde e a actividade física son dous asuntos que teñen moito en común. Queremos promover programas en materia de concienciación e que estes asuntos teñan o seu reflexo nos orzamentos”.

Nesta mesma dirección, a presidenta de Anedia afirmou que “o deporte é fundamental na vida dos pacientes con diabetes: no caso dos nenos con diabetes tipo 1 axúdaos a regulala e tamén como persoas, e no dos adultos con diabetes tipo 2 é unha cousa esencial”. María José Rego lembrou que “esta enfermidade é moi dura” e precisa de respaldo psicolóxico e apoio de enfermeiros e educadores terapéuticos especializados en diabetes. “Temos que tomar decisións as 24 horas, de día e de noite. Precisamos adestradores, que nos adestren para tomar decisións”, suliñou.

Pola súa banda, Gonzalo Méndez fixo fincapé no feito de que “temos moitos deportistas de elite con diabetes” e suliñou a importancia de que “cada vez sexan máis os nenos entre 10 e 16 anos que toman parte na Milla Urbana”. Ao seu xeito de entender, resulta fundamental que os rapaces “continúen a facer deporte a partir do Bacharelato, para converterse en mellores deportistas e persoas”.

O director deportivo da carreira amosouse ledo de que as previsións non dean choiva para a xornada do sábado, xa que “iso vai garantir que un escenario tan espectacular como Montero Ríos, cun graderío natural, estea cheo de xente”. Participarán na proba atletas federados e non federados, agás nas millas Elite, nas que só poderán correr os federados, estando prevista a retirada de dorsais dende as 11.00 horas e o inicio das millas populares femenina e masculina para as 17.50 e as 18.00 horas, respectivamente, e as Elite para as 18.30 horas.

Segundo precisou, “as mulleres sairán 40 segundos antes dos homes, o que permitirá que corran xuntos durante case toda a carreira e aumente a espectacularidade da carreira. Con saída dende o Pazo Provincial, a proba discorrerá nun circuíto de 500 metros por volta, ao longo do paseo de Montero Ríos.

Sen plásticos e con 1.000 vasos reutilizables

Ademais de recibir o patrocinio e apoio da Concellería de Actividade Física e Saúde, a Milla Urbana Solidaria de Anedia tamén conta coa colaboración das concellerías de Benestar Social e Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que contribuirán á elminación dos plásticos da proba grazas á financiación de 1.000 vasos reutilizables deseñados para a ocasión. Gonzalo Méndez explicou que tampouco haberá bolsas de plástico para os avituallamentos, de xeito que “todos contribuamos un pouco a coidar o planeta”.