Uns 80 cans de Galicia, Asturias e Portugal participarán esta fin de semana no Recinto Feiral nunha proba de agility puntuable para o Campionato de España 2020

11
  • O evento, organizado polo Club Agility Patas grazas ao patrocinio das concellerías de Deportes e Promoción Económica, contará con campións de España e participantes en mundiais

Uns 80 cans procedentes de diferentes puntos de Galicia, Asturias e Portugal participarán esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra nunha proba de agility puntuable para o Campionato de España 2020 desta disciplina. O evento, organizado polo Club Agility Patas grazas á colaboración as concellerías de Deportes e Promoción Económica, que dirixen os socialistas Tino Fernández e Yoya Blanco, contará coa presenza de campións de España de Agility en anos anteriores e participantes en mundiais.

A competición, que se desenvolverá en diversas categorías e graos, dará comezo mañá sábado, día 16 de novembro, a partires das 16.00 horas, coa seguinte orde: Grao 1 Agility, Grao 2 e Grao 3 Agility, Grao 2 e Grao 3 Jumping e Grao 0. A actividade continuará o domingo 17 pola mañá, dende as 10.00 horas, iniciándose cos cans de Grao 1 Agility, proseguindo cos de Grao 2 e Grao 3 Agility e rematando a xornada cos de Grao 2 e Grao 3 Jumping.

Tal e como explica Tino Fernández, o agility “é un deporte consistente en guiar aos cans para que percorran un circuíto cheo de obstáculos no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas”. “O can debe comprender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía, que terá que decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión. As probas resultan verdadeiramente espectaculares e abraiantes”, suliña o concelleiro de Deportes.

O concepto de agility para cans naceu en 1977, cando se propuxo a creación dunha actividade de entretemento diferente para o público que acodía a ve-las exposicións caninas en Inglaterra. A idea baseouse nas competicións de hípica.

Segundo aclara a edil socialista Yoya Blanco, “os percorridos de agility organízanse en pistas oficiais que deben ter unhas dimensións mínimas de 20 por 40 metros, cunha lonxitude de entre 100 e 200 metros”. Dependendo da categoría na que compitan, os circuítos terán entre 15 e 22 obstáculos e o guía dispón de sete minutos para memoriza-lo percorrido antes do inicio da competición.

“Para a celebración desta proba, instalarase unha superficie Juta Grass Play Comfort, especial para agility”, indica a concelleira de Promoción Económica.

A organización da competición rexerase polo regulamento e as normas de agility da Real Sociedade Canina de España (RSCE), que, entre outras cuestións, impide levar calquera tipo de elemento nas mans ou tocar aos cans e aos obstáculos. O xuíz Marc Rabada encargarase de revisar que cada pista se realice no tempo establecido e de valorar as faltas ou erros do guía ou do can.

Dentro do agility existen tres categorías: S ‘Mini’ (pequena), para cans con menos de 35 centímetros de altura á cruz; M ‘Midi’ (mediana), para os que teñen 35 centímetros ou máis e inferiores a 43 centímetros, e L ‘Standard’ (grande), para os de 43 ou máis centímetros. Asemade, divídense en tres graos: Grao I, considerado o nivel básico ou elemental; Grao II, que corresponde a unha dificultade media, e Grao III, que constitúe o máximo escalafón da modalidade de Agility RSCE.