A xornalista María Rey estará o sábado en Pontevedra para ‘amadriñar’ a campaña do Banco de Alimentos

32
  • A Concellería de Benestar Social instalou carteis protagonizados pola presentadora de telexornais nada en Galicia en diversos mupis da cidade. Rey participará en persoa no Froiz da avenida de Vigo

A afamada xornalista galega María Rey, nada en Tomiño, é a madriña da gran campaña de recollida impulsada polo Banco de Alimentos ás portas das festas de Nadal e que leva por lema ‘Solidari@s con tódalas letras’. A súa faciana é a protagonista dos carteis informativos e de sensibilización que a Concellería de Benestar Social distribuíu por diversos mupis do centro urbano e está previsto que a prestixiosa presentadora de telexornais (agora mesmo do magazine informativo 120 minutos en Telemadrid) estea en persoa este sábado ás 13.00 horas no supermercado Froiz situado na avenida de Vigo.

A iniciativa solidaria desenvolverase entre mañá e o sábado na meirande parte dos supermercados do concello de Pontevedra e da provincia, dende as 9.00 horas ata o seu peche. A concelleira Paloma Castro anima a tódolos pontevedreses “a poñer o seu gran de area, participando cunha pequena parte das súas compras, nesta campaña do Banco de Alimentos, que será dunha axuda inestimable para os que máis o precisan”.

A socialista agarda que “a implicación dunha figura tan mediática como María Rey poida servir de aliciente para que os cidadáns se volvan volcar unha vez máis con máis desfavorecidos”. Responsable parlamentaria de Antena 3 e dos servizos informativos de TVE no Centro Territorial de Madrid, no currículo de María Rey figuran o seu paso polo departamento de televisión da Agencia Efe e polos informativos de Antena 3 Noticias de fin de semana e na edición diaria, que presentou xunto con Roberto Arce e Pedro Piqueras.

Corresponsal diplomática e da Casa Real para Antena 3, tamén exerceu a dirección do informativo Noticias 1, xunto con Sandra Golpe, e en 2017 publicou o libro Juego de escaños, sobre a crise de credibilidade da política en España.