Alumnos de Primaria protagonizarán un Rastrexo pola Igualdade organizado pola Anpa do Froebel

21
  • A xincana desenvolverase por diversas prazas da cidade e contará coa participación de 27 adultos e 62 rapaces de 1º a 6º de Primaria dos colexios Froebel, Vilaverde, Campolongo e A Xunqueira II

Alumnos de 1º a 6º de Primaria dos colexios Froebel, Vilaverde, Campolongo e A Xunqueira II participarán o sábado pola mañá no I Rastrexo Infantil pola Igualdade, unha actividade lúdica e de sensibilización organizada pola Anpa do CEIP Froebel co gallo do 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia Machista. A xincana, promovida polas concellerías de Igualdade e Educación, dará comezo en torno ás 10.30 horas, con saída dende o Froebel, e desenvolverase coa realización de diversas probas polas prazas de Concepción Arenal, España, Curros Enríquez, A Ferrería, A Leña, A Verdura, Méndez Núñez, A Pedreira e O Teucro e a avenida de Santa María, para regresar de novo ao centro educativo.

O percorrido pola igualdade contará coa participación de 62 nenos acompañados por 27 adultos, con equipas dun mínimo de 6 e un máximo de 10 membros (dos cales dous deben ser adultos) que levarán consigo un móbil ou cámara de fotos. Os grupos están convocados ás 9.45 horas para identificarse no CEIP Froebel, onde se lles fará entrega dunha mochila cun bolígrafo e un pasaporte pola igualdade, así como dunha botella de auga e unha peza de froita para cada membro (o envase deberá ser devolto á chegada e daranse puntos por cada un). Antes de da-lo pistoletazo de saída, a organización procederá a ler as normas da competición.

As equipas saíran cada cinco minutos, as probas faranse por rigorosa orde de chegada e a puntuación asignada a cada unha seralles comunicada aos participantes no momento de facela. Ademais de facilitar avituallamento a tódolos grupos na metade do percorrido, a organización tamén ten previstas algunhas sorpresas e a entrega de premios para os tres primeiros clasificados.

A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, explica que “en cada praza, as equipas terán que facer unha proba puntuable e supervisada pola organización, selando o seu pasaporte e facendo unha foto en cada unha das tres fontes iguais que hai en Pontevedra (amosándoas á chegada). As probas previstas no percorrido son as seguintes:

  • Praza Concepción Areal: Tira pola Igualdade, xogo da corda.
  • Praza de España: mergúllate na igualdade, piscina atopa as letras.
  • Praza de Curros Enríquez: foto cartel
  • A Ferrería: dálle voltas, atornilla a porca
  • Praza da Leña: atopa as chaves
  • Praza da Verdura: foto cartel
  • Mendez Núñez: canastras especiais, pares de calcetíns
  • A Pedreira: hora do almorzo, dar un iogur cos ollos pechados
  • Praza do Teucro: cambia o cruceiro
  • Avenida de Santa María: fai o puzzle, foto cartel
  • Remate no CEIP Froebel: recolle o teu cuarto

A colaboración da Concellería de Igualdade traduciuse na aportación de 363 euros para a captación e formación de 25 voluntarios da Asociación Oficina do Voluntariado, 224,24 euros para o seguro de cobertura de accidentes durante a xincana e 170,25 para o deseño e impresión de 85 diplomas, a impresión de 20 carteis e o subministro de 30 medallas.