Un convenio municipal permitirá dotar de fibra óptica a máis de 1000 veciños de Marcón e Mourente

217
  • O acordo coa empresa Aurea enerxía permitiralle instalar rede de fibra óptica empregando os postes da luz. A cambio, Aurea dotará de fibra de balde o colexio e o pavillón de Marcón.

O Concello de Pontevedra asinou esta mañá un convenio de colaboración coa empresa Aurea enerxía e telecomunicacións para facilitar a infraestrutura da rede de iluminación municipal para a instalación do cabo de fibra óptica nos lugares da Cardosa, Hermida, Barcia, Pazos e Freixeiro das parroquias de Marcón e Mourente. A cambio desta colaboración, a empresa ofrecerá fibra óptica de balde ás instalacións municipais, neste caso será ao colexio e ao pavillón de Marcón.

Trátase dun convenio de 4 anos coa posible prórroga doutros 4 anos máis.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores manifestou despois da sinatura, que este acordo pretende facilitar e favorecer que as novas tecnoloxías cheguen canto antes ao rural.

A representante de Aurea enerxía, Beatriz Estévez Martínez, unha empresa galega de Ponte Caldelas, creada en 2016 e integrante do grupo Eléctrica Los Molinos que ten 112 anos de existencia, explicou que con este convenio preténdese chegar a unha poboación de 1.054 usuarios individuais, e a intención da empresa é ir ampliando a fibra óptica polo rural galego.