El Puerto de Santa María mira cara ao modelo pontevedrés para potenciar o comercio local

38

‣ A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, participa no Foro de Innovación, Comercio e Turismo organizado pola Asociación de Empresarios Centro Comercial Aberto da cidade gaditana

‣O alcalde participará o luns na mesa redonda ‘Ciudades SOStenibles’ en Sevilla, e o concelleiro de Obras Urbanas na conferencia ‘Mobilidade Sustentábel. Agora ou Nunca’ na cidade portuguesa de Santo Tirso

A relación entre a aposta pola mobilidade peonil e o mantemento do comercio local foi un dos principais focos de interese no debate aberto tras a intervención da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, na localidade de El Puerto de Santa María. Gulías acudiu como relatora para explicar a transformación urbana pontevedresa respondendo a un convite da Asociación de Empresarios CCA da cidade gaditana para intervir no Foro de Innovación, Comercio e Turismo.

O principal obxectivo deste Foro é, segundo o presidente da Asociación de Empresarios CCA, Miguel Ángel Moreno, “tratar de forma profesional cuestións de interese comercial que poidan convertirse nunha oportunidade ou non para o desenvolvemento comercial e turístico do centro histórico de El Puerto de Santa María”. Con este fin, no Foro estaban presentes representantes da corporación municipal, concelleiros e técnicos de turismo, comercio, medioambiente, fomento, arquitectura e patrimonio, así como empresarios do comercio e da hostalaría, axencias de comunicación, representantes da policía local.

A presenza de Pontevedra foi requirida para participar neste encontro toda vez que desde a Asociación de Empresarios consideran “fundamental para o desenvolvemento do centro de El Puerto, a mobilidade e a peonalización do mesmo”. Neste sentido, no debate posterior á intervención de Anabel Gulías tratáronse cuestións concretas como o posicionamento de Pontevedra ao respecto dos centros comerciais, as restricións de tráfico a motor no centro histórico, a cronoloxía que se seguiu no proceso, o papel da policía local, así como a resposta da veciñanza durante o mesmo.

Xornadas en Sevilla e Santo Tirso

O vindeiro luns, o alcade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participará na xornada ‘Soluciones para un mundo SOStenible’ que terá lugar en Sevilla.Trátase dunha xornada organizada por eldiario.es e que contará coa presenza de alcaldes de cidades andaluzas e non andaluzas para coñecer diferentes modelos de cidade. Na mesma mesa que Pontevedra, participarán tamén as cidades de Málaga, Sevilla e Cádiz, que comentarán os principais fitos das respectivas transformacións urbanas para posteriormente abrir un debate sobre ideas exportables e accións urxentes.

No mesmo día, o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, participará na xornada ‘Mobilidade Sustentábel. Agora ou Nunca’ que terá lugar na cidade portuguesa de Santo Tirso. Nesta xornada, organizada polo Jornal de Notícias, Demetrio Gómez exporá a transformación urbana de Pontevedra nunha mesa redonda na que compartirá quenda co sociólogo Joao Pedro Matos Lopes, coa xeógrafa Teresa Sá Marques, e coa presidenta do Instituto de Cidades e Vilas com Mobilidade, Paula Teles.