Aprobado o proxecto que completará o abastecemento de auga potábel á parroquia de Salcedo

38
  • Está previsto un investimento de máis de 3,8 millóns de euros para dar servizo de auga potábel a 531 vivendas.
  • O investimento farase con cargo ao novo contrato da auga e permitirá completar o abastecemento de toda a parroquia de Salcedo.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a ampliación da rede de abastecemento dende a arqueta de Casal, na parroquia de Salcedo. Esta obra está incluída dentro das melloras do contrato da auga, e será executado pola empresa Viaqua, adxudicataria do servizo. Trátase dun dos proxectos máis importantes dado que permitirá abastecer á totalidade da parroquia de Salcedo (a máis extensa do concello) cun investimento de 3.858.018,45 euros.

Este investimento dará servizo a 531 vivendas dos lugares de: A Ruibal, O Xistro, A Igrexa, Matalobos, Cabanas, A Almuíña, O Carballo do Pazo, A Carballa, A Esculca, O Campo da Porta, Birrete, O Casal, A Muimenta, O Nabalexo e A Armada.

Esta actuación que se realizará por distintas estradas, obrigará á empresa construtora a repoñer o firme total das vías con menos de 4 metros, e os carrís, beiravías e zonas de estacionamento das vías con carrís de máis de 4 metros.

Con este investimento a parroquia de Salcedo estará conectada integramente á rede de abastecemento de auga, xa que anos atrás o Concello asumiu con fondos propios o abastecemento no lugar da Raíña da Paz así como en todas as vivendas que están cara a avenida de Vigo.

“Seguimos sumando e investindo no rural, xa que é moi importante rematar este mandato completando o saneamento do rural e grande parte do abastecemento”, manifestou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías.

Cruceiro de Casas Novas

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a aceptación dunha parcela de 22,22 m2 no lugar de Casas Novas, Mourente, cedida por un particular para a colocar o cruceiro do mesmo nome.

Esta escultura fora derribada por un vehículo e atopábase interrompendo o tránsito peonil no lugar. Con esta nova situación, garántese que o cruceiro estará protexido da circulación de coches e permitirá aos veciños ter unha zona peonil máis segura.