Medio Natural inicia a eliminación das árbores invasoras existentes no talude de acceso a Monte Porreiro

61
  • O proxecto que está a executar o servizo de Parques e Xardíns ascende a 1.800 euros e inclúe a restauración da pasarela de madeira existente entre a avenida de Bos Aires e a rúa Holanda

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha os traballos de eliminación das árbores invasoras existentes no talude de acceso ao barrio de Monte Porreiro, entre a ponte do ferrocarril e a rotonda de entrada á urbanización. O proxecto, que está a executar unha equipa de catro operarios pertencentes á brigada municipal de Parques e Xardíns cun orzamento de 1.799,88 euros, incluirá a restauración dunha pasarela de madeira duns 50 metros que conecta a avenida de Bos Aires coa rúa Holanda.

Con estas actuacións, o concelleiro socialista Iván Puentes pretende dar continuidade ás talas de especies invasoras realizadas o pasado mes de outubro no treito inicial da senda fluvial do Lérez. Segundo explica o edil do PSOE, o plan suporá o acondicionamento de todo o talude e da contorna do Mirador de Monte Porreiro, “eliminando especies invasoras como acacias e mimosas, así como algún brote de eucalipto”. 

“O proxecto terá continuidade coa plantación de árbores autóctonas e de variedades arbustivas máis acordes coa calidade ambiental de todo este espazo natural privilexiado que temos no acceso ao barrio, a ambos lados da avenida de Bos Aires”, avanza Puentes.

Ademais de efectua-lo axardinamento e tapizado do talude, o servizo de Parques e Xardíns, coordinado por Manuel Fontán, tamén prevé comezar en breve os traballos de limpeza e acondicionamento de dúas parcelas ubicadas na contorna do Mirador. Tal e como apunta Iván Puentes, as actuacións que se están a levar a cabo no talude “son bastante laboriosas, xa que, ao tratarse dunha zona en pendente, requiren dunha ardua tarefa de desbroce manual”.

Como medida preventiva, ante o perigo de desprendementos ou caídas de pólas que supoñen os fortes ventos das últimas xornadas, o departamento que dirixe Puentes instalou valos de protección con sinais de prohibición de paso tanto nestas zonas verdes da contorna da avenida de Bos Aires como no parque das Palmeiras.

Mellora ecolóxica e aumento da biodiversidade

A actuación que se está a realizar no talude forma parte do plan impulsado pola Concellería de Medio Natural para a mellora ecolóxica e o aumento da biodiversidade e da calidade do bosque de ribeira nos espazos verdes de acceso a Monte Porreiro, entre eles o tramo da senda do Lérez próxima á praia fluvial. Os traballos efectuados en outubro supuxeron a eliminación de tódolos eucaliptos e doutras especies invasoras, como as acacias, nun treito duns 150 metros entre a ponte do ferrocarril e o inicio do sendeiro. 

Aínda que en anos pasados se fixeron intervencións noutros puntos da senda de seis kilómetros que percorre a ribeira do Lérez ata a parroquia de Bora, ata este ano non se actuara nunca neste tramo que discorre na zona máis urbana do sendeiro.