O Concello constata un alto grao de cumprimento da medida ‘velocidade 10’

5
  • A Policía Local realizará unha campaña específica de control da velocidade, do 29 de novembro ao 5 de decembro, nas rúas de plataforma única
  • Paralelamente está realizando unha campaña de acompañamento a esta medida entre certos colectivos, como o de reparto en ciclomotor

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, asegurou esta mañá que a implantación da medida de limitación da velocidade a 10 Km/h no centro da cidade ten “un grao de cumprimento moi alto”. Informou que, desde a entrada en vigor da medida a finais de outubro, non se tramitaron sancións por exceso de velocidade e que “a medida foi moi ben acollida tanto polas persoas que camiñan como polos condutores e condutoras”, ao tempo que indicou que “non estamos percibindo ningún tipo de diferenza entre a limitación que antes existía a 20km/h co de agora a 10 km/h”.

Eva Vilaverde indicou que “sempre hai excepcións” e que de cara a contrarrestar a percepción de perigosidade que as mencionadas excepcións producen na veciñanza, a Policía Local realizará unha campaña específica de control da velocidade nas rúas que forman parte da ‘zona 10’. Nestes controis utilizaranse radares móbiles e realizaranse de cara ao Nadal, entre o 29 de novembro e o 5 de decembro.

Paralelamente, desde a Policía Local estase levando a cabo unha campaña de acompañamento á medida ‘velocidade 10’ que comezou nas empresas que utilizan sistemas de reparto en ciclomotor. Eva Vilaverde explicou que “existía entre a veciñanza unha certa sensación de inseguridade debido aos ciclomotores, en concreto sobre a velocidade dos repartidores e repartidoras”. Ante esta demanda, a Policía Local comezou a manter xuntanzas coas principais empresas que empregan este tipo de sistema de reparto, para posteriormente reunirse cos traballadores e traballadoras que levan a cabo os repartos. 

Tras as primeiras xuntanzas, a concelleira asegurou que “a receptividade está sendo moi boa” e que, en xeral, “demostran moita sensatez e están moi sensibilizados coa normativa existente no centro da cidade”. Neste sentido, Eva Vilaverde asegurou que a percepción de perigosidade que provocan os ciclomotores de servizos de reparto non se corresponde coa realidade, e como exemplo citou que nos 20 accidentes rexistrados en ciclomotores en 2017 (os últimos datos recollidos) non estivo implicado ningún repartidor ou repartidora. 

Por último, Eva Vilaverde asegurou que desde o Concello se seguirá coa campaña de sensibilización neste colectivo porque “entendemos que é un sector importante para a implantación da medida de velocidade 10”, e porque “queremos que a xente teña a percepción de que camiña segura por esta cidade”.