O Concello pon en marcha un foro creativo vinculado á literatura

4
  • Nace da man de escritores e escritoras vinculadas a Pontevedra e marca como obxectivos de traballo para o 2020 a edición dunha revista de creación e a actualización dos faladoiros literarios dos anos 20 

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, mantivo na tarde de onte unha xuntanza cun grupo de escritores e escritoras vinculadas a Pontevedra para poñer en marcha un foro creativo, atendendo ás demandas que este colectivo específico manifestara nun encontro celebrado o pasado mes de maio. Entre as propostas de traballo, achegadas polo colectivo e recollidas polo Concello, destacan a edición dunha revista de creación editada desde Pontevedra e que recolla traballos orixinais de distintos xéneros literarios en convivencia con outras disciplinas artísticas; así como a actualización dos faladoiros literarios do anos 20 do pasado século que se celebraban en Pontevedra e que a converteran nun dos centros intelectuais do país. A concelleira de Cultura presentará publicamente esta iniciativa o vindeiro sábado no marco do Culturgal, no espazo Foro ás 17h.

Nesta primeira xuntanza tratáronse os criterios para a conformación do foro creativo, de cara a articular un plan de traballo que comezará a inicios de 2020. Entre os criterios que se valoraron destacan a necesidade de dar cabida a un amplo espectro de xéneros literarios: narradoras/es, poetas, escritores/as de literatura infantil e xuvenil, autores de banda deseñada e ilustración, críticos literarios, e ensaístas e investigadores/as en campos que abranguen desde a historia, a etnografía, ata a biografía, o feminismo, a filosofía ou o pensamento crítico. 

Estableceuse o galego como idioma de traballo e a necesidade de promover o diálogo entre disciplinas artísticas, así como o impulso de novas creacións e de propostas innovadoras. Tamén se decidiu traballar na elaboración dun sitio web que recolla toda a actividade cultural do Concello, tanto a institucional como a que realiza o sector comercial da cidade, como librarías, locais hostaleiros ou salas que programan recitais e presentacións, ou asociacións que organizan eventos literarios e debates. 

O foro creativo traballará cos obxectivos de xerar e promover espazos literarios, amosar o potencial das persoas vinculadas a Pontevedra e que crean no campo da literatura ou en campos relacionados coa literatura, potenciar a riqueza cultural e visibilizar e poñer en valor a creación literaria, entendida como un ben inmaterial que xera riqueza no Concello e contribúe a xerala no conxunto do país, e visibilizar, impulsar e difundir a creación literaria en convivencia con outras disciplinas artísticas tanto entre a veciñanza pontevedresa como fóra do Concello.