O evento Voces Ocultas 2019 exhibirá o vindeiro día 4 de decembro no Museo o talento artístico das persoas con diversidade funcional e sensorial

96
  • A gala-concerto inclusiva organizada por Amencer-Aspace, Xuntos e Amizade e impulsada pola Concellería de Benestar Social é posible grazas á equipa de Artecalavera e Estudo Bonobo

O hall do Sexto Edificio do Museo acollerá o vindeiro 4 de decembro, co gallo da conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (o 3 de decembro), o gran evento inclusivo e multidisciplinar Voces Ocultas 2019, unha gala-concerto na que persoas con diversidade funcional e sensorial amosarán o seu enorme talento artístico. Trátase dunha iniciativa organizada polas asociacións Amencer-Aspace, Down Pontevedra Xuntos e Amizade, e impulsada pola Concellería de Benestar Social, que será posible grazas ao labor da equipa de Artecalavera e Estudo Bonobo, baixo a dirección de Gonzalo Maceira.

O espectáculo dará comezo ás 20.00 horas (as portas abriranse ao público ás 19.30 horas), terá entrada de balde ata completar aforo (unhas 80 persoas) e, como outras actividades realizadas dende o departamento que dirixe a socialista Paloma Castro, incorporará tradución con lingua de signos a cargo do colectivo Xoga, “de xeito que será absolutamente inclusivo”. Música en vivo, performance, luces, poesía e a proxección dunha peza audiovisual (un vídeo titulado ‘Á miña maneira’) son algunhas das sorpresas que agardan aos espectadores neste evento realizado polos usuarios de Amencer-Aspace, Xuntos e Amizade.

A concelleira de Benestar Social anima a todo o mundo a achegarse ata o Museo “para desfrutar dos froitos dun proxecto de expresión artística que terá continuidade o vindeiro ano coa organización dun curso que se desenvolverá dende o mes de xaneiro nas instalacións de Estudo Bonobo (na rúa San Antoniño) e que traballará as liñas de arte escrita (poesía e guión), fotografía, vídeo, música e artes plásticas”. Tal e como avanza Paloma Castro, entre as accións programadas para 2020, nas que tamén se implicará aos usuarios da Asociación Juan XXIII, “inclúese un concerto no Teatro Principal no mes de xuño e a presentación dun libro e da montaxe final dunha peza audiovisual no mesmo escenario o día 3 de decembro”.

“Voces Ocultas é un proxecto no que a creación musical e a composición xogan un papel esencial e no que os protagonistas son os membros das tres asociacións. Está enfocado cara o desenvolvemento de capacidades a través da musica e da musicoterapia e o seu obxectivo é facer posible a creación dunha equipa creativa real e diversa en materia artística e escénica, formada por persoas con diversidade funcional e sensorial”, sinala a edil do PSOE.

En opinión de Castro, “á marxe da súa finalidade terapéutica, a música e a arte son ferramentas facilitadoras da inclusión” e iniciativas como esta axudan a reivindicar “o dereito de tod@s a desfrutar de espazos de lecer e creatividade”.