O transporte urbano terá dúas liñas que comunican as sedes administrativas, Montecelo, Monte Porreiro e o Burgo

374
  • O acordo entre o Concello e a Xunta é un feito, á espera de que se concreten algúns flecos como o custe do déficit que asumirá o Concello.
  • As tarifas irán nun segundo convenio no que as administracións se reservan a posibilidade de facer as subvencións ao billete que consideren.

O Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia achegaron a pasada semana a un acordo para implantar o transporte urbano na cidade de Pontevedra. A proposta é substituír as catro liñas que aparecen no actual contrato a licitación (tres a Monte Porreiro e unha a Montecelo), por dúas liñas urbanas que conectan a cidade con Montecelo e Monte Porreiro, e estes dous lugares entre si.

A falta de pulir flecos, as propostas de liña azul e verde, permiten dar o servizo actual a Monte Porreiro, con igual frecuencia (cada 15 minutos) a partir das 07.00 horas; se conecta Monte Porreiro con Montecelo (liña que hoxe en día non existe); e pásase por todos os centros administrativos e os centros de saúde, ademais do campus.

Coa liña azul únese Rosalía de Castro – Manuel del Palacio con Montecelo e Monte Porreiro, pasando pola estación de autobuses. O percorrido é de media hora.

Coa liña verde, pásase a circular pola Ponte das Palabras cara ao barrio do Burgo que na actualidade carece de servizo, e xa incorpora a novidade de cambio de sentido que se fará na parte baixa da avenida da Coruña.

Estas dúas liñas aínda hai que perfilalas dado que non está pechadas as paradas, por exemplo, pero “a base do acordo está feita”, segundo explicou o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez.

O acordo respecta o modelo de cidade e a súa mobilidade, respectando a améndoa central na que non haberá transporte urbano e se prioriza a mobilidade a pé. Así “gaña Pontevedra, é un bo acordo para o Concello, creemos que tamén para a Xunta, e bo para os veciños e veciñas”, aseguraba o concelleiro.

No acordo tamén se contempla que o Concello asumirá o déficit que xeren as liñas integramente urbanas, que nazan e morran no concello de Pontevedra. Existe acordo sobre a fórmula como calcular o déficit, pero está pendente de cuantificalo, pero o concelleiro de mobilidade, Demetrio Gómez xa indicou que o Concello non fará causa do custe.

Froito dun segundo convenio serán as tarifas, no que o Concello non terá inconveniente en asumir o custe do déficit do custe dos billetes que se compren dentro do concello, aínda que as liñas procedan de concellos lindeiros. Tamén queda a decisión das administracións subvencionar ou non todos estes billetes.

O Concello está en disposición de poñer en marcha o servizo unha vez que a Xunta active o contrato, sexa na data que sexa, incluso, o 1 de xaneiro.