Arranca o proceso de elaboración do novo contrato do lixo coa consulta veciñal

54
  • O Concello inicia un proceso aberto aos veciños e veciñas para coñecer as súas achegas ou suxestións para o novo servizo, que terá que poñerse en marcha en xuño de 2021.
  • Habilitouse un espazo na páxina web e haberá encontros con distintos colectivos para presentarlles este proceso que debe estar rematado no mes de marzo.

O Concello de Pontevedra inicia dende hoxe o proceso de elaboración do novo contrato de limpeza viaria e tratamento dos residuos urbanos. O concelleiro responsable da súa xestión, Raimundo González, asegurou esta mañá que “é o contrato co importe económico máis elevado do Concello”, xa que se aproxima aos 10 millóns de euros.

O actual contrato do lixo foi prorrogado hai dous anos e remata a súa vixencia o 8 de xuño de 2021. O Goberno traballa co horizonte de ter adxudicado nesa data o novo contrato para que poida entrar en vigor.

Raimundo González explicou que hoxe é o “pistoletazo de saída” deste proceso abrindo a participación veciñal. Para iso, habilitouse un espazo na páxina web municipal pontevedra.gal na que calquera persoa pode facer achegas e consultas, que se tratarán de contestar no prazo máximo de 24 horas.

Páx: https://www.pontevedra.gal/participa/danos-tua-opinion/achegas-vecinais-sobre-o-novo-contrato-do-lixo/

Paralelamente, o concelleiro manterá reunións con diversos colectivos. A primeira será coas Federacións de veciños o vindeiro martes, 3 de decembro, ás 19.00 horas. A continuación sucederanse outras coa patronal e tamén coas asociacións de ecoloxistas.

Ao tempo continúase coas reunións coas comunidades de montes e, incluso, está previsto abrir unha rolda polos barrios e as parroquias nos distintos locais sociais.

Todo este proceso de participación terá unha data de remate. Raimundo González avanzou que será até finais de febreiro para poder iniciar en marzo a elaboración dos pregos que rexerán o concurso.

O punto de partida do Goberno non está pechado, por iso quere coñecer a opinión da cidadanía. “Queremos que esta fase teña repercusión porque estamos en disposición de que teñamos un contrato do século XXI coa axuda do veciños e veciñas”, asegurou Raimundo González, por iso quixo facer un chamamento a toda a poboación porque “é o momento en que todo o mundo poida opinar”.

O propósito do novo contrato é o cumprimento dos obxectivos europeos acadando a reciclaxe do 50% dos residuos en 2020; o 55% en 2025; o 60% no 2030 e o 65% no 2035. Tendo clara a aposta do Goberno pola compostaxe.

Aínda que está nunha fase moi inicial, o concelleiro de xestión dos residuos urbanos, Raimundo González traballa para aprobar os pregos entre xuño e setembro de 2020 e poder iniciar la licitación en setembro do ano que vén.