A III Xornada de Diversidade Sensorial ‘Xuntos Avanzamos’ analizará como é medrar nunha familia xorda e o estudo da toponimia na lingua de signos

165
  • O evento organizado por Xoga en colaboración con Deputación e Benestar Social terá lugar o 14 de decembro e incluirá relatorios sobre a mediación comunicativa no sistema educativo

O Salón de Actos do Pazo da Cultura acollerá o sábado 14 de decembro a III Xornada de Diversidade Sensorial Xuntos Avanzamos, organizada polo colectivo Xoga co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro) en colaboración, entre outros, coa Deputación, a Concellería de Benestar Social do Concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo, o Banco de Alimentos, o Grupo de Investigación de Lengua Española e Linguas Signadas e a Federación de Asociacións de Imprantados Cocleares de España. O evento, que foi presentado hoxe no edificio administrativo de Michelena pola concelleira socialista Paloma Castro, a deputada provincial Olga García Ballesteros e a presidenta de Xoga (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia), María Jesús Monterde, terá entrada de balde, previa inscripción antes das 23.59 horas do 13 de decembro, ata completar un aforo máximo de 270 persoas.

A Xornada, que será inaugurada pola edil de Benestar Social ás 10.00 horas, abrirá o seu programa de ponencias ás 10.30 horas coa presentación da web inclusiva para a diversidade sensorial ‘www.organizacionxoga.org‘ por parte da presidenta de Xoga. Tras un descanso, ás 12.00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre ‘Interpretación e mediación comunicativa no sistema educativo’, moderada por David Fernández e na que participarán Verónica Jorge, mediadora comunicativa da Fundación Once para a Atención de Persoas con Xordocegueira (Foaps); Susana Crespo, intérprete de lingua de signos da Consellería de Educación, e Rafael Pozo, docente dos ciclos formativos de Interpretación de Lingua de Signos e Persoas Xordocegas e de Mediación Comunicativa no Centro Integral de Formación Profesional (CIFP) Ánxel Casal de Coruña.

A actividade retomarase despois do xantar, ás 16.30 horas, con outra mesa redonda titulada ‘Medrar nunha familia xorda’, tamén moderada por David Fernández e protagonizada polas expertas Victoria Mespollet e Ana Belén Fernández. O ‘Estudo da toponimia na lingua de signos española’ centrará posteriormente, ás 17.30 horas, unha ponencia de Raquel González Novelle, intérprete e guiaintérprete, mediadora de lingua de signos de Xoga, graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e alumna do Máster Interuniversitario de Lingüística Aplicada (MILA).

Outra conferencia titulada ‘O meu ‘Eu’ con xordocegueira’, a cargo de Josefa Carballo, delegada de Xoga na Delegación Norte e coordinadora desta organización en materia de xordocegueira, servirá para pechar, ás 18.30 horas, o interesantísimo programa desta terceira edición de Xuntos Avanzamos.

Todos aqueles que queiran participar nesta Xornada poderán inscribirse a  través do seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeFF3cqkq5fZV2B4HHMP1iws9Sv5MN-ITj2iwH8fwJgP1RX3Q/viewform. Tal e como apuntou María Jesús Monterde, durante o evento tamén se levará a cabo unha recollida solidaria en favor do Banco de Alimentos.

Unha sociedade igualitaria e inclusiva

Paloma Castro suliñou o compromiso da Concellería de Benestar Social “para que tódolos eventos que se organizan teñan un carácter inclusivo e conten con tradución de lingua de signos” e fixo fincapé na importancia de xornadas como esta, “que permiten concienciar á sociedade sobre a importancia de crear un mundo igualitario e diverso”. Pola súa banda, a deputada provincial Olga García Ballesteros salientou a decidida aposta da Deputación “en defensa da igualdade, das políticas sociais e dos dereitos de tódalas persoas”.

María Jesús Monterde avanzou que “non hai ningunha outra páxina web semellante á que vai presentar Xoga a nivel europeo” e na que traballaron durante tres anos. “Queremos que sexa un reflexo da inclusión pola diversidade sensorial”, asegurou.

Cartel da Xornada Xuntos Avanzamos.