O socialista Iván Puentes destina máis de 12.000 € a renovar a rede de sendas peonís da Xunqueira de Alba

28
  • O proxecto da Concellería de Medio Natural será executado por EC Casas e prevé a rexeneración dun treito duns 500 metros entre unha das pontes do Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, acaba de dar luz verde á contratación dun proxecto que permitirá renovar a rede de sendas peonís das Marismas de Alba. As actuacións serán executadas pola empresa Construcciones EC Casas grazas a un investimento de 12.058,85 euros e suporán a rexeneración dun treito duns 500 metros entre unha das pontes que atravesa o río da Gándara (á altura da peaxe da AP-9) e a pasarela do Camiño Portugués a Santiago (rúa da Gándara).

O socialista Iván Puentes explica que esta importante achega económica permitirá “optimizar o estado de conservación das sendas, que se viron moi afectadas polas fortes precipitacións acontecidas durante o mes de novembro, especialmente nun par de tramos que suman arredor de 250 metros e nos que se intervirá con maior intensidade”. “Á marxe das escorrentías de auga polos temporais, os camiños da Xunqueira de Alba tamén quedaron en mal estado por mor duns traballos realizados por Fenosa con maquinaria pesada nesa zona”, apunta o edil do PSOE.

Entre outras obras, o proxecto de renovación da rede de roteiros das Marismas contempla o levantamento da capa superior da senda actual e a aplicación dun aporte de xabre e zahorra para asentalo firme.

Neste mesmo espazo natural da parroquia de Alba está a levar a cabo a Concellería de Desenvolvemento a tala manual duns eucaliptos próximos a unha casa situada nas inmediacións do Paseo da Xunqueira. Segundo apunta Iván Puentes, a actuación conta cun orzamento de 1.238,31 euros e enmárcase dentro do plan de eliminación de especies invasoras iniciado despois do verán polo seu departamento no primeiro treito da senda fluvial do Lérez e, máis recentemente, no talude da estrada de acceso a Monte Porreiro.