Tino Fernández traballa na elaboración dun novo marco normativo que regule a xestión das instalacións deportivas municipais e a taxa pola súa utilización

81
  • O socialista afirma que a ordenanza vixente quedou obsoleta para dar resposta ás necesidades motivadas “polo incremento de espazos deportivos dos últimos anos, sobre todo de campos de fútbol”

O concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, está a traballar na elaboración dun documento normativo que permita optimizar a xestión e o uso das instalacións deportivas de Pontevedra. O edil do PSOE considera que, “coa disolución do Instituto Municipal dos Deportes (IMD) e o notable incremento de infraestruturas deportivas que se produxo durante os últimos anos, sobre todo no que se refire a campos de fútbol, resulta necesario reordenar o actual sistema de administración”, co que, se ben está “relativamente satisfeito”, precisa “dunha renovación para seren máis eficientes e optimiza-lo servizo que se lle presta aos clubes”.

Fernández avanza que a súa Concellería baralla “diferentes alternativas” que os técnicos “irán testando ao longo do ano 2020 coa idea de ir introducindo cambios que melloren a xestión”. “Neste sentido, cremos necesario dar un soporte normativo máis moderno e actual, adaptado ás novas necesidades. Hai unha ordenanza vixente que data do ano 89 e que quedou obsoleta. Por iso, temos o obxectivo de deseñar unha nova regulación tanto da xestión dos campos e pavillóns como da taxa que debe abonarse pola súa utilización, axeitándoas á realidade e ás necesidades dos clubes da cidade”, explica o socialista.

O tenente de alcalde admite que se trata dun “traballo complicado”, para o que pretende “contar coas aportacións dos clubes e de tódolos implicados no deporte pontevedrés”. Tal e como sinala, a xestación desta novo marco normativo atópase “nunha fase inicial de recollida de información e valoración de opcións”, pero “unha vez que todo estea xa máis definido”, a Concellería de Deportes falará cos responsables das equipas deportivas e con tódolos grupos políticos da Corporación municipal para escoitar as súas achegas.

“Queremos extender o consenso a todo o mundo, incluíndo aos partidos da oposción -suliña Tino Fernández-, de xeito que poidamos dispoñer dun marco de xestión co que todos nos sintamos cómodos, que poida perdurar no tempo e que, ao mesmo tempo, poña en valor o esforzo que se fai dende o Concello para atender as demandas dos clubes”.