Benestar Social e Acción Contra a Fame organizan un programa para axudar a un grupo de persoas en situación vulnerable a dar o último salto cara á inserción laboral

66
  • O ciclo desenvolverase na Casa Azul entre o luns e o venres da vindeira semana e inclúe talleres de elaboración de perfís profesionais, mapeo de empresas, motivación e ‘gamificación’

Baixo a consigna ‘O último salto!’ que pon de manifesto o seu obxectivo e que lle dá título, a ONG Acción Contra a Fame impartirá a vindeira semana na Sala Valdecorvos da Casa Azul un Programa de Apoio á Inserción Laboral destinado a un grupo de persoas con algún factor de vulnerabilidade. O ciclo formativo, financiado pola Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, desenvolverase en cinco xornadas diferentes, entre o luns 9 e o venres 13 de decembro e contempla o acompañamento dos seus participantes en todo proceso ata atopar emprego.

O programa foi deseñado por Silvia Gálvez, coordinadora do mesmo; Loli Cambeiro, intermediadora laboral de Acción Contra a Fame, e Susana Quintas, responsable dos proxectos de inserción da oenegué, e iniciarase o luns ás 9.30 horas cun taller de elaboración de perfís profesionais, no que se revisarán aspectos como a formación, a experiencia ou as competencias. Para a xornada do martes está previsto un obradoiro sobre Mapeo de Empresas, que se centrará na análise das firmas da contorna xeográfica e do sector profesional acorde con cada un dos perfís profesionais.

Un Taller Motivacional, que analizará as habilidades chave para a inserción laboral e os segredos para crear unha marca persoal, protagonizará a actividade formativa do mércores, mentres que a do xoves adicarase á Gamificación para a Búsqueda de Emprego, facendo fincapé no desenvolvemento de competencias a través do xogo. 

O Programa de Apoio á Inserción Laboral ‘O último salto!’ pecharase o venres cunha xornada na que se revisarán os currículos e se analizarán os perfís máis demandados e as tipoloxías de contratación no ámbito do voluntariado corporativo, así como a preparación para as entrevistas e procesos de selección.

Tal e como explica Silvia Gálvez, as persoas que participarán nestes obradoiros proceden dos proxectos Escolas de Emprego e Vives Emprega, de Acción Contra Fame. “Algunhas das 75 persoas que participaron neses programas xa están afortunadamente traballando ou facendo unha FP, polo que as xornadas servirán para seguir axudando a tódalas demais. Trátase dun grupo moi heteroxéneo, cunha franxa de idade que vai dos 16 aos 60 anos, e no que o común denominador é a existencia dalgún factor de vulnerabilidade: xente que leva máis dun ano no paro, inmigrantes, vítimas de violencia de xénero…”.

Gálvez avanza que Acción Contra a Fame xa ten aberto o prazo de inscrición para todos aqueles que desexen participar no vindeiro proxecto Vives Emprega. Para facelo, poden contactar coas organizadoras a través dos seguintes números de teléfono: 

-Silvia Gálvez: 619 519 520

-Loli Cambeiro: 676 586 673

-Susana Quintas: 630 639 649

Cartel co programa das xornadas.