A Concellería Benestar Animal organiza un programa de obradoiros para educar en valores ao alumnado de Primaria a través de terapia asistida por cans

107
  • Os talleres, impartidos pola firma Yaracan, darán comezo o xoves na Casa Azul cun grupo de nenas e nenos do colexio das Doroteas e continuarán nos CEIP Santo André de Xeve e Ponte Sampaio

Educar en valores ao alumnado de Primaria dos colexios de Pontevedra a través de dinámicas de traballo e xogo asistidas por cans é o principal obxectivo do programa de obradoiros que a Concellería de Benestar Animal porá en marcha este xoves na Casa Azul cun grupo de nenas e nenos do colexio das Doroteas. Os talleres, impartidos por persoal da empresa viguesa Yaracan, especializada en terapias con animais, terán continuidade o día 14 de xaneiro no CEIP Santo André de Xeve e, posteriormente (en data aínda por confirmar), no CEIP Ponte Sampaio.

A socialista Paloma Castro, edil de Benestar Animal, explica que os obradoiros están pensados para un máximo de 75 alumnos por centro educativo, estando prevista a participación de “outros dous colexios máis” na iniciativa (a cifra total de asistencia superará os 350 rapaces). Tal e como avanza a concelleira do PSOE, os talleres iniciaranse cunha charla grupal “na que se aclararán as normas de comportamento, farase a presentación dos cans e das súas características e exporase brevemente o labor que realizan en Yaracan”. A continuación, introducirase a temática dos valores, poñendo o exemplo dos cans e xerando o efecto espello a través deles.

“Os mestres dos obradoiros organizarán aos alumnos en grupos que levarán os nomes dos cans, traballando arredor dos animais e buscando contacto e proximidade para ter unha charla distendida. En cada grupo cultivarase un valor determinado: solidariedade, traballo en equipa, respecto… Ao finalizar a actividade, entregarase un exemplar do libro de Yaracan ‘O can que non sabía dicir guau e os seus amigos do bosque’, onde se recollen tódolos valores tratados nos talleres”, sinala Paloma Castro.

Nunha das dinámicas, denominada ‘O aprecio’, os alumn@s achegaranse voluntaria e libremente ao can do grupo e os mestres axudaranlles a expresar as emocións que sintan nese momento. Cada rapaz presentará a un compañeiro e terá que dicir algo bonito sobre el, escribindo nunha cartulina o que afirmaron sobre o can e sobre o seu compañeiro.

Noutra dinámica, que leva por título ‘O aro’, unirase a dous grupos de nenas e nenos, que terán que pasarse un aro en absoluto silencio ata facerllo chegar ao técnico co can. Neste exercicio, elixirase a catro alumnos que deberán ordearlle aos animais que salten/pasen polo aro, poñendo a proba a súa capacidade para gañarse a confianza dos cans ao longo da sesión, para traballar en equipa e para darlles ordes sen elevar o ton de voz. “Aquí poderán medir a súa resistencia á frustración no caso de que o can non obedeza -apunta Palma Castro- e ver se poden volver tentalo con calma e alegría”.