O Concello activará un plan especial de tráfico para garantir o normal funcionamento da cidade durante o Nadal

45

O concello activará un plan especial de tráfico durante o período de Nadal, concretamente do 21 de decembro ao 6 de xaneiro, co obxecto de garantir a mobilidade na cidade, especialmente o funcionamento do centro e a fluidez na entrada e saída, e evitar os bloqueos polo incremento do tráfico. Anunciouno esta mañá a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, quen asegurou que con este plan “queremos garantir que a cidade funcione coa maior normalidade posible e que as persoas que visiten Pontevedra poidan disfrutar da cidade e da súa actividade festiva e comercial con tranquilidade e seguridade”.

A concelleira explicou que este plan especial inclúe tres elementos: a información á cidadanía, a sinalización, e cortes puntuais en zonas sensibles que se realizaran unicamente no caso de que sexa preciso. Tamén indicou que os vehículos de urxencias, servizo público en xeral e os conducidos por persoas de mobilidade reducida, quedarán á marxe dos cortes puntuais e que, en todo caso, se trata dunha medida que se manterá o tempo mínimo imprescindíbel para restablecer uns parámetros de fluidez aceptables na circulación. 

O plan de tráfico opera cunha división da cidade en tres partes. A primeira está conformada polo centro da cidade, no que se espera un incremento considerable de afluencia de persoas. A concelleira fixo fincapé en se utilicen, na medida do posible, os aparcadoiros de borde, e fixo un convite a gozar das actividades que hai ao longo de toda a semana durante o período de Nadal, non só os días máis emblemáticos como o 24 e 25 de decembro ou o 5 de xaneiro, para evitar as aglomeracións.

A segunda parte da cidade estaría formado polo denominado “anel primario”, que inclúe as rúas e avenidas que dan acceso ao centro da cidade: Xosé Malvar, Bos Aires, Uruguai, Corbaceiras, Manuel Do Palacio. Fernández Ladreda, Estación, Eduardo Pondal e 12 de Novembro. Nesta área o obxectivo é manter a circulación en continuo movemento, a un ritmo natural pero sen bloqueos. 

A terceira parte está formado polo “anel secundario”, que inclúe as vías nas que se recepciona o tráfico de entrada e saída á cidade, e que funcionan a modo de circunvalación utilizando a autoestrada, a Parda, a estada de Ourense para baixar por Monte Porreiro ata a entrada da autoestrada de novo. 

Neste plan tamén se identifican unha serie de zonas sensibles susceptibles de maiores aglomeracións. Estas zonas serían a Ponte das Correntes e a avenida de Uruguai, Barcelos, Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra, Echegarai e Raíña Victoria, e a Estación do Tren, nesta última, ademais do tráfico habitual, teranse en conta os incrementos derivados do ‘día do espectador’. Neste puntos actuarase coa premisa de evitar bloqueos puntuais, a través de desvíos e cortes puntuais sempre co obxectivo de garantir a fluidez na circulación no anel primario e nas saídas e entradas á cidade. 

Os controis deste plan especial de tráfico realizaranse desde a Sala de Control da Xefatura da Policía, a través de cámaras e da sinalización directa das vías, e unicamente haberá axentes na rúa en caso de que sexan precisos cortes puntuais.