Yoya Blanco convida aos turistas a pernoctar na cidade a través da campaña ‘Pontevedra Ben Vale Dúas Noites’

253
  • A iniciativa farase visible mediante 10.000 cuadrípticos, 3.000 colgadores de pomos e un panel con datos de albergues, hoteis, pensións e casas rurais na ‘entrada’ do Camiño en Pontevedra

A pesares do alto fluxo de visitantes que o Camiño Portugués está a atraer a Pontevedra e do gran incremento do turismo que se produciu na nosa cidade durante os últimos anos, o concello continúa a manter un baixo índice de pernoctacións por persoa/día. Modificar esta situación, facendo que os turistas elixan a nosa cidade para pernoctar, e poñer en valor a magnífica e diversificada oferta hoteleira da que dispoñemos son os principais obxectivos da campaña ‘Pontevedra Ben Vale Dúas Noites’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo.

A responsable desta área municipal, a edil socialista Yoya Blanco, presentou hoxe a iniciativa na Casa da Luz, acompañada polo creativo que deseñou a campaña, Salvador Vázquez. A campaña traducirase na distribución de 10.000 cuadrípticos con datos sobre os hoteis de diferentes categorías, as pensións, os albergues e os aloxamentos de turismo rural, así como dos puntos de información turística (Turismo de Pontevedra, Oficina de Turismo Rías Baixas e Oficina de Turismo da Xunta de Galicia), que os visitantes poden atopar en Pontevedra. Nos flyers tamén aparecen destacados unha trintena de puntos de interese, dende a basílica de Santa María e as Ruínas de San Domingos ata as sendas do Gafos e o Lérez ou o Mercado de Abastos; o roteiro do Camiño de Santiago que atravesa o centro urbano e a información básica dos medios de transporte cos que conta a cidade.

Asemade, en consonancia estética coa mensaxe da campaña, tamén se elaboraron 3.000 colgadores para pomos de portas coa mensaxe ‘Pontevedra Ben Vale Dúas Noites’ e instalarase un panel informativo á ‘entrada’ da Ruta Xacobea en Pontevedra (na recentemente reformada rúa do Gorgullón) con datos e localización de albergues, hoteis, pensións e casas rurais.

Tal e como sinalou Yoya Blanco, “a finalidade da campaña non é outra que dar a coñecer a variedade, calidade e cantidade de posibilidades de establecementos hoteleiros das que dispoñen os viaxeiros que queiran quedarse uns días a coñecer Pontevedra”, así como dar a coñecer os seus principais monumentos, roteiros e actividades. “O incremento do turismo e, sobre todo, a inminente chega dun novo Ano Xacobeo estannos a dar unha oportunidade que non podemos desaproveitar de amosar que paga a pena pernoctar na nosa cidade durante, como mínimo, dúas noites”, suliñou a concelleira de Promoción Económica e Turismo.