Un investimento de 43.365 euros permitirá dotar ao Burgo dun novo parque con dúas pistas de petanca

118
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, avanza que o Concello xa está a traballar nun plan que permitirá a recuperación ambiental e paisaxística doutra parcela anexa

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, investirá  43.365,58 euros nun proxecto que permitirá a recuperación paisaxística e a mellora da accesibilidade dunha parcela duns 652 metros cadrados situada nas inmediacións do Pavillón Municipal dos Deportes, entre a avenida de Compostela e a rúa Fernández Cochón, e adquirida polo Concello de Pontevedra pola vía da expropiación. A intervención  deseñada polo Servizo de Parques e Xardíns, iniciado cuns traballos de desbroce da finca, suporá a creación dunha zona de xogo de petanca dotada con dúas pistas.

Esta actuación enmárcase no plan do edil do PSOE de xerar corredores verdes que permitan vencellar e conectar os parques da cidade ao río Lérez, á ría de Pontevedra e ás súas ribeiras. Segundo explicou hoxe Iván Puentes durante a presentación do proxecto, as obras “optimizarán a comunicación coa contorna e facilitarán a accesibilidade do espazo mediante a creación de camiños de acceso adaptados, en particular no que se refire á conexión entre a capela do Santiaguiño do Burgo coa avenida de Compostela e o Pavillón Municipal”.

Os traballos traduciranse no incremento do valor paisaxístico do espazo mediante a limpeza e acondicionamento dunha zona que se atopaba moi degradada e que será dotada dunha fermosa composición a nivel de xardinería, así como de instalacións de rego que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno. “Mellorarase a capacidade de acollida coa construción dun parque con distintos tipos de bancos e a creación dun lugar de reunión demandado pola veciñanza do Burgo”, apuntou o edil de Medio Natural.

O proxecto foi deseñado polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns.

As actuacións, que comezaron cunha limpeza en profundidade dos restos de obra e entullos existentes mediante unha máquina retroescavadora e a eliminación de maleza, incluirán a demolición dos muros de bloque que delimitan a parcela e que presentan un considerable deterioro. Asemade, retiraranse pedras e outros materiais, realizarase a nivelación definitiva do xardín e pavimentarase o parque con terrizo de xabre granítico de 10 centímetros de espesor (sobre a explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora), incorporándose unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2.

O proxecto contempla a creación dunha senda en paralelo á linde sur da parcela, coa que se pretende mellorar a comunicación da contorna e facilitar a accesibilidade a este espazo a través de camiños de acceso adaptados. 

Plantacións, especies arbustivas e tapizantes

O parque contará con dous tipos de plantacións. Por unha banda, un estrato arbóreo que lle conferirá a principal estrutura e que se formulará no plano principal en unións de senda e lugares singulares e dúas aliñacións, unha na linde do camiño e outra próxima á pista de petanca, que ademais de enmarcar e ordenar espazos teñen a función de sombrear a zona de xogos. Unha segunda zona estará constituída por un noiro ao noroeste da parcela, onde a plantación se adaptará a unha topografía ascendente en dirección cara a capela do Santiaguiño.

Tal e como indicou Iván Puentes, nesta esquina “contruirase un banco de pedra rematado en madeira que enmarcará e delimitará o noiro, que será tapizado, conferindo un fondo de vexetación moi atractivo para a zona máis encaixonada”. A plantación de árbores, especies arbustivas e de tempada será acaída ás condicións particulares de cada área, atendendo a aspectos como a funcionalidade, a calidade paisaxística, os baixos requerimentos de mantemento, a inexistencia de alergóxenas ou a adaptación ás características microclimáticas dentro da cidade.

A parcela ten unha superficie duns 652 metros cadrados.

O plan da Concellería de Medio Natural, que ten un prazo de execución dun mes, prevé a incorporación de parterres con formacións arbustivas e vivaces, con variedade de cores, e mesmo aromáticas. No que atinxe a mobiliario, contémplase a instalación de varias zonas de banco corrido e de banco circular no fondo noroeste, todos eles con asento de madeira.

As novas zonas verdes axardinadas desenvolveranse e conservaranse grazas a un sistema de rego automatizado, por goteo con mangueiras perforadas no caso do noiro, por redes de aspersión no parterre de céspede de máis ancho e mediante difusores nos outros dous parterres. Este sistema será centralizado a través de electroválvulas en arquetas para a automatización mediante programador.

Segundo avanzou Iván Puentes, o seu departamento xa está a realizar trámites para poder levar a cabo un proxecto de recuperación paisaxística  e ambiental noutra parcela anexa, o que permitiría “completar o peche natural da parte traseira do Pavillón dos Deportes”.