Nadal na Oliva converterá aos máis pequenos en reporteiros e levaraos de viaxe polo mundo

142
  • O programa da Concellería de Promoción Económica desenvolverase nas Galerías entre o 20 de decembro e o 4 de xaneiro e inclúe actividades gastronómicas, artísticas, creativas e musicais
  • Unha noria e un trenciño serán algúns dos atractivos que os rapaces se atoparán grazas a esta iniciativa, coa que se pretende incentivar as compras nos comercios deste senlleiro espazo

Unha morea de propostas de lecer, artísticas, gastronómicas, creativas, musicais e, sobre todo, divertidas, agarda ás nenas e nenos que entre o 20 de decembro e o 4 de xaneiro se acheguen ata as galerías máis senlleiras da cidade grazas ao programa Nadal na Oliva. A iniciativa impulsada pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, no marco das campañas de Nadal Pontevedra, adicará un espazo de tempo de cada sesión á confección dun Xornal de Nadal, no que “os ‘pequerreporteir@s’ máis dicharacheiros converteranse en auténticos xornalistas e recollerán novas, entrevistas, novidades e anécdotas que estean a acontecer neste espazo comercial”.

Tal e como sinala a edil do PSOE, a través deste obradoiro, as nosas fillas e fillos “farán de alevíns de reporteiro e realizarán entrevistas a comerciantes, viandantes, clientas e clientes, que servirán para elaborar esta amena publicación”. O programa municipal, destinado a cativos de entre 3 e 10 anos, prevé ademais outras actividades de lecer e entretemento, como xogos de benvida para recibir aos pequenos cada xornada, tarefas plásticas, talleres de cociña divertida, xincanas pola Oliva, xogos teatrais, cancións ou dinámicas de diverso tipo.

Acto de presentación coa equipa de O Ganapán e co voceiro dos comerciantes, Manuel Lago.

“Contarase tamén cun Espazo Contacontos, destinarase un tempo a coñecer as tradicións de Nadal de Galicia, por exemplo coa figura do Apalpador, e adicaranse varias sesións a descubrir como celebran o Nadal noutras rexións do mundo, como Rusia, Brasil, Islandia, Nova Zelanda, Hawai, Nova York e Xapón”, sinala Yoya Blanco.

Tod@s aqueles que queiran anotarse nas actividades, que se celebrarán cada día en horario de 17:00 a 19:00 horas, poderán facelo a través da dirección de correo electrónico ‘nadalnaoliva@gmail.com‘. Entre outras sorpresas, Nadal na Oliva contará cunha noria e cun trenciño para que os máis pequenos o pasen en grande.

O calendario de Nadal na Oliva é o seguinte: 

VENRES DÍA 20: Decorando o Nadal: obradoiro de adornos navideños

  • Xogo de presentación e benvida
  • Espazo contacontos: “O nadal arredor do mundo”: Brasil
  • Obradoiro de adornos de nadal
  • Espazo Pequerreporteirxs/ Xornal de Nadal: creamos os nosos propios micrófonos para facer entrevistas

SÁBADO DÍA 21: Photocall de Nadal

  • Xogo de presentación e benvida
  • Espazo Contacontos “O Nadal arredor do mundo”: Nova Zelanda
  • Elaboración do noso Photocall de Nadal
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal

DOMINGO DÍA 22: Cociñando contos

  • Xogo de presentación e benvida
  • Cociña divertida: “Libriños comestibles”
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal
  • Espazo Contacontos “O Nadal arredor do mundo”: Hawai

LUNS DÍA 23: O Nadal nunha postal: obradoiro de postais navideñas

  • Xogo de presentación e benvida
  • Espazo Contacontos “O Nadal arredor do mundo”: Islandia
  • Obradoiro de postais navideñas
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal

MARTES DÍA 24: Abetos de Nadal: Decora a túa árbore navideña

  • Xogo de presentación e benvida
  • Espazo Contacontos “O Nadal arredor do mundo”: Nova York
  • Obradoiro de Árbores de Nadal
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal

XOVES DÍA 26: Percorrendo a Oliva: xincana navideña

  • Xogo de presentación e benvida
  • Xincana navideña: probas e pistas por equipos nas galerías, rematando na froitería para mercar froitas para a actividade zumelandia
  • Cociña divertida: zumelandia

VENRES DÍA 27: Teatro de papel: O Nadal arredor do mundo

  • Xogo de presentación e benvida
  • Obradoiro de origami: títeres de papel
  • Teatro de monicreques, con marionetas feitas de origami

SÁBADO DÍA 28: Obradoiro de chapas de Nadal

  • Xogo de presentación e benvida
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal
  • Obradoiro de chapas ou imáns navideños
  • Xogo “Debuxo por relevos”

DOMINGO DÍA 29: Estampaxe creativa: deseños sobre papel

  • Xogo de presentación e benvida
  • Espazo Contacontos “O Nadal arredor do mundo”: Xapón
  • Obradoiro de pintura creativa: estampaxe con material de refugallo sobre papel
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal

LUNS DÍA 30: Trala pista do Apalpador

  • Xincana “trala pista”: O Apalpador agochouse nun dos locais comerciais da Oliva e temos que tentar averiguar onde está, superando probas e adiviñando pistas
  • Espazo Contacontos “O Nadal arredor do mundo”: Galicia
  • Obradoiro de máscaras

XOVES DÍA 2 DE XANEIRO: Cantamos as xaneiras! Obradoiro musical

  • Xogo de presentación e benvida
  • Obradoiro de creación de instrumentos musicais
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal
  • Panxoliñas de nadal: acompañados dos instrumentos que elaboramos no obradoiro

VENRES DÍA 3 DE XANEIRO: Pintando sen pinceis: obradoiro de pintura creativa

  • Xogo de presentación e benvida
  • Espazo Contacontos “O Nadal arredor do mundo”: Rusia
  • Obradoiro Mural de Pintura creativa: pintando sen pinceis
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal

SÁBADO DÍA 4 DE XANEIRO: Que veñen os Reis Magos!: Obradoiro de repostería navideña

  • Xogo de presentación e benvida
  • Cociña divertida: obradoiro de galletas navideñas. 
  • Xogo “A bolsa máxica”. Que agocharán os Reis Magos
  • Espazo Pequerreporteiros /Xornal de Nadal