CCU ZM inicia os traballos de montaxe dos 32 postos da XIV feira de artesanía e agasallo Pontenadal

67
  • Os stands que se están a instalar na carpa das Nadaladas do Teucro abrirán as súas portas entre o 20 de decembro e 5 de xaneiro, tódolos días, agás os de Nadal e Ano Novo

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o presidente de Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM), Miguel Lago, achegáronse esta mañá ata a Praza do Teucro para supervisar os traballos de montaxe dos postos que formarán parte da XIV edición da feira de artesanía e agasallo Pontenadal ‘As Nadaladas do Teucro’. A enorme carpa instalada no casco vello abrirá as súas portas ao público entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro, tódolos días, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 horas, agás os de Nadal e o de Ano Novo (nos que estará pechada).

Pontenadal contará nesta edición cun total de 32 stands, nos que os cidadáns poderán atopar os agasallos máis orixinais: coiro, pel, cerámica, pintura, téxtil, prata, produtos apícolas, complementos, xoguetes de madeira,  artesanía en olivo, cervexa artesá, arte en cristal, e un sen fin de obsequios para este Nadal. Tal e como suliña a concelleira Yoya Blanco, “ao igual que en anteriores edicións, contarase coa participación de varias ONG’s, como a Asociación Alba, Amencer e Solidariedade Internacional”.

“O número de stands é semellante ao de edicións anteriores, quedando expositores na lista de reserva, o que é outra proba máis do éxito desta feira, que se non xerase ingresos non espertaría este interese no sector”, apunta a edil do PSOE. Nesta XIV edición case tódolos expositores son da provincia de Pontevedra (ademais da nosa cidade, Poio, Vigo, Cangas, Bueu, Marín, O Grove, Ponte Caldelas, A Coruña,  Lugo e Ourense).

Yoya Blanco anima a tódolos pontevedreses a “pasear, mercar e gozar na zona monumental” e a achegarse ata a Praza do Teucro para adquirir os seus agasallos para as festas de Nadal.

Yoya Blanco e Miguel Lago na carpa instalada na Praza do Teucro.