O CIM distribúe 4.000 cartas para os Reis Magos entre as nenas e nenos dos centros educativos e convídaos a solicitar agasallos sen estereotipos de xénero

72
  • A iniciativa da Concellería de Igualdade, dirixida pola socialista Paloma Castro, está orientada ao alumnado de primeiro, segundo e terceiro curso de Primaria

Convidar ao alumnado dos centros educativos de Pontevedra a escribir cartas aos Reis Magos sen estereotipos de xénero é o principal obxectivo dunha campaña de Nadal promovida pola Concellería de Igualdade. A iniciativa traducirase na distribución de 4.000 misivas destinadas ás Súas Maxestades de Oriente entre as nenas e nenos dos colexios da cidade por parte do Centro de Información á Muller (CIM).

Tal e como explica a edil de Igualdade, a socialista Paloma Castro, “as cartas serán repartidas entre as rapazas e rapaces de primeiro, segundo e terceiro de Primaria (polo tanto, entre 6 e 8 anos), e levan incorporado un texto no que se fai fincapé en determinados estereotipos de xénero, como esa teima en separar os xoguetes por cores”. Así, nunha das partes da carta, Melchor, Gaspar e Baltasar diríxense ás alumnas e alumnos para comunicarlles o sorprendidos que están tras pasar polo almacén de agasallos e comprobar que, se ben “na parte dos instrumentos musicais, xogos de construción, plastilinas, pinturas e cousas polo estilo todo estaba perfecto”, noutras seccións os xoguetes estaban separados por cores: “Rosa para as nenas e azul para os nenos”.

“Que estraño! Os camelos levaron un susto grandísimo e andan algo mareados. Pero non vos preocupedes, seguro que se lles pasa antes do Nadal. Queremos amañar este desaguisado. Axúdasnos? Propoñémosche que esquezamos iso de que hai uns xoguetes para nenas e outros para nenos. Que parvada! Se as nenas e os nenos sodes iguais!”, di o texto.

Segundo sinala Paloma Castro, cara a ordenar “o almacén de agasallos”, pídeselle ás rapazas e rapaces que fagan tres cousas: sentarse nunha mesa con papá, mamá ou a persoa maior que os coide; apagar a tele e pechar os ollos para pensar no regalo que @s faga máis felices, e pedi-lo xoguete que queiran, “sen ter en conta que alguén diga que son para un determinado xénero, xa que tódolos xoguetes do mundo son para nenas e nenos por igual”.

A carta que a Concellería de Igualdade está a distribuír a través do CIM deséxalles aos alumnos unhas festas marabillosas, lémbralles que deben portarse ben e aconséllalles que, na noite do 5 de xaneiro, deixen recollidas as súas cousas para evitar que os Reis Magos tropecen con xoguetes espallados polo chan.

En opinión de Paloma Castro, este tipo de iniciativas “teñen un papel moi importante na eliminación dos estereotipos machistas dende as idades máis xóvenes, permitindo educar en igualdade ás xeracións que veñen”.