O Concello remata o ano coa adxudicación proxectos e obras por máis de 6,3 millóns

22
  • Entre esta semana e a que vén estarán adxudicadas a reforma de Loureiro Crespo e o Castañal, o Local Social dos Campos, o acceso aos Campos por Monte Porreiro, e varios lotes da administración electrónica.

O departamento de Contratación está a xestionar nestes momentos máis de 6,3 millóns de euros en diversos proxectos e obras que poderán estar adxudicados ou moi avanzados na súa contratación, de cara á vindeira semana. Neste tramo final de ano, están sobre a mesa a contratación do acceso a Monte Porreiro, a reforma de Loureiro Crespo e o barrio do Castañal, o acondicionamento do novo Local Social dos Campos, o contrato marco de sostemento dos espazos públicos urbanos ou varias partidas destinadas á potenciación da administración electrónica.

A concelleira responsable Anabel Gulías agradeceu esta mañá o esforzo por parte de todos os servizos implicados na contratación, que están tendo un “maratón” de reunións que concluirán ao longo da semana que vén coa adxudicación de diversos contratos que “serán básicos para os futuros catro anos na cidade”.

O único contrato adxudicado esta semana foi o do Centro Social dos Campos á empresa Prace por 471.248 euros e un prazo de adxudicación de 5 meses. Os traballos comezarán unha vez que se asine o contrato e se formalicen outros trámites administrativos como o plan de seguridade e hixiene. A concelleira de Contratación, Anabel Gulías estimou que a obra poderá comezar a mediados do vindeiro mes de xaneiro.

Sen dúbida, a contratación de maior contía que se está a abordar nestes días é a reforma da rúa Loureiro Crespo e do barrio do Castañal. Hoxe mesmo fíxose a valoración das 11 ofertas técnicas e económicas presentadas, e a adxudicación poderá realizarse na vindeira semana. A reforma ten un prezo de licitación de 2.557.256 euros, ao que hai que sumar as melloras ofertadas polas empresas que se incrementa en 341.380 euros. O prazo de execución desta obra é de 11 meses.

Anabel Gulías destacou que esta adxudicación permite abundar na decisión do Goberno de que “este é o mandato dos barrios e buscamos a excelencia dos espazos públicos”.

Acceso de Monte Porreiro

Un dos proxectos máis importantes deste período de contratación é a adxudicación do acceso de Monte Porreiro dende Tafisa até os Campos, cunha licitación de 1.137.280,50 euros. A Mesa de contratación valorou as ofertas técnicas e económicas das 16 propostas presentadas. Anabel Gulías destacou que “dado que parece que non vai haber baixas temerarias, poderase axilizar os procesos administrativos”, a súa adxudicación podería realizarse a vindeira semana. 

Outro dos contratos con maior contía foi o de sostemento dos espazos públicos urbanos ao que se presentaron catro empresas. O orzamento de licitación é de 500.000 euros, e ao igual que no caso anterior, dado que non existen baixas temerarias na oferta económica, o contrato podería estar adxudicado na semana que vén.

En relación á administración electrónica celebráronse as seguintes mesas de contratación, todas elas pendentes da adxudicación definitiva:

  • Licitación de cabina de almacenamento de datos por 87.120 euros.
  • Renovación dos servidores por 37.000 euros.
  • Novo sistema de Xestión tributaria por 450.000 euros. Presentáronse dúas ofertas. A concelleira Anabel Gulías destacou que se trata dun “contrato ambicioso que permitirá mellorar a comunicación entre o administrado e os traballadores do Concello na área de xestión tributaria”.

Tamén se celebrou unha mesa para a contratación da publicidade, merchandaising e diversos aspectos vinculados á difusión da Estratexia de Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integral (EDUSI) Máis Modelo Pontevedra. Os conceptos estaban divididos en catro contratos cun importe global de 87.000 euros. 

Na vindeira semana está previsto volver a reunir a Mesa de contratación para valorar as ofertas técnicas e económicas doutros dos contratos importantes para Pontevedra: a iluminación ornamental das pontes valorado en 440.055 euros e a colocación da iluminación led na parroquia de Lourizán por valor de 217.871,20 euros.

Proxectos

Local Social dos Campos 

O proxecto partía cun prezo de licitación de 536.423,53 euros e un prazo de execución de 5 meses. 

Este edificio son dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula. Estará separada por portas abatibles e un corredor polo medio que servirá de conexión entre ambos lados do edificio. 

No caso de ser preciso retíranse as portas e créase unha gran aula cunha cabida para unas 80 persoas sentadas ou 120 de pé, ou ben dúas aulas independentes. En todo caso, está pensada para facer distintas actividades como cociña, conferencias, exposicións… Tamén haberá unha dotación de oficinas e almacén, e farase un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con este cun corredor acristalado. 

Finalmente, o edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre, xa que tamén está previsto o acondicionamento da contorna. 

O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e a súa rehabilitación levará aparellada unha actuación na contorna.

Loureiro Crespo e o Castañal

A reforma ten un orzamento de licitación de 2.557.256 euros e un prazo de adxudicación de 11 meses. O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que o investimento xeral roldará os 2,9 millóns de euros. As melloras son investimentos que poden presentar as empresas pero que están fóra do custe da obra, é dicir, son obras que asumen as propias compañías con fondos propios e fóra do custe da obra. Estas melloras consisten na reurbanización das rúas: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e praza das Regas. 

O proxecto de reforma divide a rúa Loureiro Crespo en tres zonas: 

  • Dende a rotonda da praza da Zanfona até Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas (de baldosa e granito) e un estreitamento do carril. O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita, e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada. Renóvase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos.
    Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto. 
  • De Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis, e á dereita o de servizos.
    Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa. Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto. 
  • De Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano. 

No que respecta ao barrio do Castañal, o proxecto inclúe como mellora a pavimentación destas rúas, xa que a renovación dos servizos soterrados asúmese no proxecto principal. 

As reformas previstas nestas rúas serán de dous tipos: Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. Os alcorques serán de ferro cortén, similar ao da Virxe do Camiño. O carril de circulación irá en formigón negro con faixas de pedra, similar á praza do Hospital. 

O resto de rúas: Forcarei, Amor Ruibal e Mestre Soutullo, polas súas dimensión, serán de plataforma única cun tratamento similar ao xa iniciado na avenida de Lugo. 

A praza das Regas está previsto que faga de distribuidor de tráficos da zona, polo que será necesario facer certos retoques nas esquinas. 

Acceso a Monte Porreiro

O prazo de execución da obra é de 9 meses e o orzamento de licitación ascende a 1.137.280,50 euros. O proxecto planeou unha vía de 605 metros, de dous carrís de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros. Incluirá calmado de tráfico para darlle carácter de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil propios do modelo Pontevedra. 

A solución tamén inclúe un tratamento específico para o entronque na zona dos Campos, onde se realizará unha intervención para crear unha gran praza pública, ordenando o espazo e integrando zonas verdes.