O espírito do Nadal invade a Praza de Abastos cun programa que inclúe obradoiros e actividades para tódalas idades, catas e un mercado de artesanía

41
  • Talleres infantís e de cociña para adultos, charlas con expertos en peixes, marisco, carnes e hortas e catas de cervexa, viño e vermú forman parte da campaña impulsada por Yoya Blanco

O Nadal xa invade as instalacións do Mercado de Abastos de Pontevedra coa estrea da súas novas luces e decoración navideñas e co atractivo programa de actividades e talleres para tódalas idades impulsado pola Concellería de Promoción Económica, dirixida pola socialista Yoya Blanco. Unha chea de talleres infantís, obradoiros de cociña para adultos, charlas con expertos en peixes, marisco, carnes e hortas, catas de cervexa, viño e vermús e un Mercado de Nadal con artesanías de todo tipo compoñen a variada oferta que, entre os días 20 de decembro e 3 de xaneiro, poderán desfrutar tódolos que se acheguen ás instalacións situadas na rúa Serra.

Yoya Blanco suliñou “o enorme interese” que as actividades programadas “tanto para os máis pequenos, que obviamente son os grandes protagonistas nestas datas, como para os seus pais”, ao tempo que se amosou convencida de que “cunha campaña de Nadal como esta e coa fermosa iluminación que exhibe a Praza nestes días, todo o mundo vai achegarse ata alí”. “Poucos lugares se me ocorren con máis espírito de Nadal que o Mercado. Ademais, é unha aposta segura para adquirir o mellor xénero de cara ás comidas e ceas destas datas, cunha atención inmellorable”, sinala a edil do PSOE.

O Mercado de Nadal contará cuns 15 stands orientados esencialmente cara a artesanía creativa e con outros para o desenvolvemento de obradoiros para os máis pequenos. A súa inauguración, o día 20 de decembro ás 12:00 horas, coincidirá cunha visita de Papá Noel e cun taller gastronómico sobre a ‘Importancia dun Menú Infantil Saudable’.

Para o sábado 21 de decembro están previstas, ademais de obradoiros para os máis pequenos (que se celebrarán diariamente ás 17:30 horas), unha cata de vermú ás 19:00 horas e unha charla interactiva de Javi Bermejo e os seus Robotizz, criaturas robóticas formadas a partir de material de desfeitos industriais e da vida cotiá (latas, parafusos, chapas…) ás 20:00 horas. O domingo 22 celebraranse un taller xuvenil titulado ‘Xoga a ser Fotógrafos’, destinado a rapaces de entre 7 e 12 anos (para o que é preciso dispoñer dunha cámara ou de teléfono móbil), ás 18.30 horas, e unha cata de viños ás 20:00 horas, mentres que o luns 23 ás 19:00 horas terá lugar o obradoiro gastronómico ‘As 5 W’s da Cociña Saudable’.

Unha placeira descubriranos os segredos do marisco galego

Tralo parón das xornadas do 24 e 25 de decembro, o día 26 retomaranse os talleres de lecer infantil, no seu horario habitual das 17.30 horas, e pouco despois, ás 20:00 horas, celebrarase a presentación de ‘Fento, Moda Sustentable Galega: da Remendaxe ao Upcycling’. O venres 27, unha experta placeira do Mercado de Abastos protagonizará ás 19:00 horas unha charla coa que poderemos descubrir os segredos do marisco galego, e ás 20:00 horas desenvolverase unha sesión de Teatro Máxico.

Un taller de Confección e Patronaxe para nen@s de 8 a 12 anos e unha conferencia sobre os diferentes tipos e usos centrarán o programa de actividades do 28 de decembro, mentres que para o día 29 está prevista a vídeo-proxección dos proxectos sociais e artesanais de Cetácea (moda vegana), Adopta Unha Prenda (reciclaxe e modificación de prendas usadas) e Oui Jane (moda feminista). O calendario de actividades deste mes pecharase o luns 30 con novos obradoiros infantís ás 17:30 horas, o taller gastronómico ‘Pontevedra, a Provincia 48 do Xapón’ ás 19:00 horas e un pasarrúas da Biblioteca Máxica polo Mercado ás 20:00 horas.

Tal e como apunta a concelleira Yoya Blanco, “a acción retomarase o xoves 2 de xaneiro cun novo obradoiro xuvenil ‘Xogar a Ser Fotógraf@s’, continuará o venres 3 cunha charla sobre ‘A Horta Ecolóxica’ (ás 19:00 horas) e clausurarase o sábado 4 con talleres infantís e unha sesión de Lectura Máxica”.

Os postos do Mercado de Nadal

Entre os diversos postos que se poderán atopar no Mercado de Nadal inclúese o espazo Robotizz, de Javi Bermejo, onde se exhibirán criaturas robóticas que xerarán un mundo de androides curioso e espontáneo que non deixa diferente a ninguén. A biblioteca nómada de Noemí Pájaro Luna mesturará arte e literatura, desenvolvendo un obradoiro literario-máxico diario e un pasarrúas polo Mercado, mentres que Eva Fandiño e María José Sánchez amosarán os seus traballos de ilustración e fotografía.

No stand de venta Belas Artes poderán adquirirse fanzines, chapas, camisolas e láminas d@s seus alumn@s, no de José Mallo artesanía en coiro, no de María Rodríguez orfebrería de autor e no de Andrea Piñeiro xoería artesá, ao igual que nos postos de Clara ‘Declararte’ e Liab Studio. Tamén haberá espazos adicados a moda vegana (Luna Crafts e Cetácea), roupa feita de reciclaxe (Adopta Unha Prenda), moda feminista (Oui Jane), tapices (Ángela Ric), xoería de autor (John Cobre), cerámica e xoería cerámica (Ana Méndez) e libros de segunda man, edicións de autor e libros de artista (Flying Books).

Kukiña, de Carmen Hortas, exhibirá artesanía de tea con selo de artesá (neceseres, bolsos…) e o colectivo Nora’s Life porá á venda os seus deseños de artesanía (bolsas, neceseres, complementos…) coa finalidade de recadar fondos para unha asociación. Un stand adicado a unha exposición artística e dous para o desenvolvemento dos obradoiros infantís completan a oferta desta feira de Nadal do Mercado de Abastos de Pontevedra.