O ritmo circadiano de Benito Corbal

197
  • O Concello e a empresa Setga instalan unha iluminación experimental no tramo peonil de Benito Corbal que permite regular automaticamente o fluxo luminoso e a temperatura de cor segundo vaia avanzando o día.
  • Ás 19.00 horas arranca cunha luz branca para prolongar a vida na rúa; ás 21 horas redúcese a unha cor más cálida (alaranxada); e na media noite redúcese aos 2700k para compaxinar a luz co correcto descanso.

O Concello de Pontevedra en colaboración co departamento de I+D+i da empresa pontevedresa Setga vén de instalar na rúa Benito Corbal un novedoso proxecto piloto coa tecnoloxía Circadionic. Trátase dun sistema pioneiro pola súa tecnoloxía e innovación, que axuda a previr o impacto da luz artificial sobre os ciclos circadianos das persoas e preservar o medio ambiente.

Este proxecto experimental enmárcase dentro da campaña Efecto PO2 que está rexer a acción do Goberno neste mandato contribuíndo ao posicionamento internacional da cidade pola súa calidade de vida, polo seu respecto polo medio e pola democratización social. 

A luz é unha parte moi importante da vida e ten efectos positivos, pero mal empregada pode ter efectos negativos nas persoas. A luz, natural ou artificial, é parte importante nas funcións de regulación do corpo, como a hormona da melatonina, producida pola glándula pineal que regula diversas funcións no corpo, especialmente na regulación do ciclo soño-vixilia. O cortisol é outra das hormonas influídas pola luz, prodúcese na glándula suprarrenal e está relacionada coa actividade do corpo e o estado de atención.

O sistema Circadionic regula de xeito automático o fluxo luminoso e o cambio de temperaturas de cor, desde luz cálida (2700k) dun aspecto alaranxado ata unha luz neutra (4000k) un branco máis puro. Estes valores varían gradualmente desde o aceso no atardecer ata o apagado ao amencer, con patróns que aportan a luz necesaria para cada momento.

Os sistema Circadionic foi instalado recentemente na rúa Benito Corbal, no tramo peonil comprendido entre Daniel de la Sota e Sagasta, de modo experimental. Comezou co cambio das lámpadas existentes por módulos iluminación de tecnoloxía LED aportando reducións de consumo eléctrico dun 80%. Ademais, estes módulos contan cun control dinámico, que adapta o fluxo de luz e a súa temperatura de cor ás distintas necesidades dos cidadáns segundo o momento do día.

Como funciona?

Durante a tarde, especialmente nos meses de outono-inverno, cando o sol desaparece no horizonte ao redor das 19:00 horas, as luminarias acéndense para prolongar a actividade nas rúas de forma segura. Para iso, o sistema Circadionic inicia a iluminación cun nivel alto de fluxo e empregando unha temperatura neutra, con iso os peóns e condutores mantéñense activos e nun estado de alerta.

Sobre as 21:00 – 22:00 horas, cando a actividade comercial finaliza e a xente desprázase a acubillarse nos seus fogares para descansar, o sistema Circadionic adapta a luz reducindo a intensidade e proporcionando unha luz máis cálida que non impida a segregación de melatonina, responsable do correcto descanso.

Ben entrada a noite, cando a actividade cesou e son poucas as persoas que pasean pola cidade, a iluminación redúcese a niveis mínimos con seguridade e a temperatura de cor do branco pasa a ser cálida (2700k), que non interfire na segregación da melatonina e, polo tanto, no correcto descanso.

Máis confort e menos contaminación lumínica

Todos estes cambios prodúcense nun sistema de LEDs compactados baixo una mesma lente, o que nos confire unha luz uniforme e cun alto confort visual en todas as súas etapas de funcionamento.

Mediante a redución da luz reflectida cara ao ceo e a xestión de temperaturas de cor con menor aporte de compoñente azul, redúcese a contaminación lumínica, propíciase a observación do ceo estrelado e redúcese o impacto sobre a flora e a fauna. Ademais, a través das reducións de intensidade rebáixase o consumo eléctrico e o seu impacto na pegada de carbono.

A futura integración con outros sistemas permitirá a forzas de seguridade e servizos de emerxencia, ter o control para incrementar os niveis de iluminación e temperatura de cor para facilitar o seu labor en escenarios de urxencia.

Esta instalación pioneira pola súa tecnoloxía e innovación, axuda a previr o impacto da luz artificial sobre os ciclos circadianos das persoas e preservar o medio ambiente.

Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade.