A SD Teucro celebrará en 2020 o seu 75 cumpleanos cun programa de actividades que tentará implicar ao conxunto da sociedade pontevedresa

40
  • O alcalde accidental e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, mantivo un encontro cos membros da comisión organizadora dos actos polos 75 anos do vicedecano do balonmán

“É difícil que un clube chegue aos 75 anos de vida e se é fóra do ámbito do fútbol, aínda máis complicado. Resulta imposible entender o deporte de Pontevedra sen falar do Teucro, unha institución que nutre á cidade e que está no seu corazón”. Deste xeito describía esta mañá o alcalde en funcións e concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, a importancia dos actos conmemorativos que se celebrarán ao longo de 2020 con motivo do 75 aniversario da equipa vicedecana do balonmán español.

Estas valoracións foron realizadas tras un encontro que o edil do PSOE mantivo na Sala de Xuntas do Concello cos membros do comité organizador do programa de actividades: María Buceta, Javier Aguiló, Jorge César Díaz, Armando Mathieu e Evaristo Cabral. Tal e como sinalou o concelleiro de Deportes, “como acontece con tódolos clubes, a vida da SD Teucro tivo alegrías e decepcións, pero sen dúbida xa pasou por agonías e situacións peores que a actual”. “O Teucro resiste -apuntou Fernández- e, aínda que os resultados poderían ser mellores, o clube goza dunha saúde moito mellor que noutros anos”.

Segundo avanzou María Buceta, o programa de actos conmemorativos será oficialmente presentado a mediados de xaneiro e traducirase nunha serie de accións de visibilización “que irán do puramente institucional ata o máis social, contando cos outros clubes da cidade, os centros educativos e o conxunto da sociedade pontevedresa”. Na súa opinión, os actos deben trasladar á cidadanía “a enorme importancia do Teucro”, xa que resulta difícil atopar a alguen en Pontevedra que non tivese un nexo de unión coa SD Teucro”. “É ilusión compartida con, por e para a cidadanía”, asegurou.

Nesta mesma liña expresouse Javier Aguiló, quen afirmou que “a vida da cidade é a vida do Teucro”, reflexada “nos 75 anos de cada rúa” e no deseño dun lema curto para completar pola experiencia persoal de cada un e que reflexa a súa inmortalidade: “75 anos…”.