Mundo Nadal regresa ao Recinto Feiral cunha gran pista de xeo, un tobogán xigante e un circuíto de skate

21
  • O programa de lecer infantil e xuvenil impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo inclúe unha multitude de inchables, zona game e diversos talleres e actuacións

A feira Mundo Nadal, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, regresa durante estas datas festivas a Pontevedra cunha programación máis ambiciosa que en anteriores edicións, ampliando de xeito considerable a zona adicada a lecer infantil e xuvenil. Así, o Recinto Feiral contará cunha gran pista de xeo, un tobogán xigante, unha pista de skate, multitude de inchables, zona game e diversos talleres, actuacións e espectáculos.

O evento organizado por Diario de Pontevedra e patrocinado por Supermercados Froiz e BMW Celtamotor (coa colaboración de panaderías Acuña e da firma Setga) abrirá as súas portas ao público en xeral entre os días 20 de decembro e 7 de xaneiro, en horario de tarde, de 16.15 a 22.30 horas, se ben os colexios e outros grupos xa poden desfrutar das atraccións de Nadal ata o venres 20 en horario diúrno, de 9.00 a 14.00 horas. Segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, “os días 24 e 31 de decembro haberá un horario especial, de 12.15 a 19.00 horas, mentres que o 5 de xaneiro as portas do Recinto abrirán de 12.15 a 17.00 horas”. 

“Por suposto -sinala Yoya Blanco- teremos obradoiros de todo tipo, servizo de cafetería e, como non podía ser doutro xeito, visita de Papá Noel”.

O parque de lecer de Mundo Nadal terá horario de 16.15 a 21.30 horas, mentres que a pista de xeo poderá ser empregada entre as 16.30 e as 22.30 horas.