Cun prazo de execución de 3 meses e un importe de 191.869,66 euros, a Xunta de Goberno local aprobou esta mañá o expediente de contratación da reordenación do tráfico na Avenida da Coruña. A portavoz do Goberno, Anabel Gulías indicou que esta obra de reordenación “está no marco dunha obra máis ambiciosa”, en referencia á reforma do tráfico de todo o barrio do Burgo para adaptalo ao modelo de cidade. Neste sentido salientou que o obxectivo final da obra é “quitar os tráficos de paso e de axitación que se concentran nesta zona e que este barrio teña unhas condicións de vida de alta calidade urbana”.
A concelleira lembrou que o reordenamento de tráfico previsto implica os seguintes cambios:
– Inverter o sentido de circulación da avenida da Coruña, que pasaría a ser de subida en todo o vial, polo que se fai preciso acometer a obra licitada para reacondicionar as beirarrúas, cambiar os colectores de lado e pequenas obras de reforma
– Inverter o sentido de circulación do treito de Luis Otero que rodea o estadio de Pasarón, por detrás da bancada norte e por detrás da bancada de preferencia con saída cara a rotonda (da avenida de Compostela)
– Inverter o segundo treito da rúa da Santiña, a partires da rúa Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída